A Deputación estrea a plataforma de “Dixitalízate”, o proxecto de loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural

Os cinco canais da plataforma hubrural.gal permitirán aos alumnos maiores de Moraña, Forcarei, A Illa de Arousa e As Neves desenvolver diferentes habilidades dixitais

31/05/2024

Luis López na deputación

A Deputación de Pontevedra avanza na posta en marcha do “Hub contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural”, tamén coñecido como proxecto “Dixitalízate”. A institución provincial acaba de poñer en marcha a plataforma dixital hubrural.gal, na que se recollen os contidos deste proxecto no que participan preto de 90 persoas dos concellos de Moraña, Forcarei, A Illa de Arousa e As Neves. Trátase dunha iniciativa que, en palabras do presidente provincial Luis López, “agardamos dea moi bos resultados para atallar un desafío estrutural para a nosa sociedade, que á Deputación lle preocupa e ocupa”.

O obxectivo do programa, que conta cun orzamento de 500.000 € e que a Deputación desenvolve co Ministerio de Transición Ecolóxica,  é capacitar en competencias dixitais a persoas maiores de 50 anos, co fin de evitar a fenda nas novas tecnoloxías e paliar a soidade non desexada, especialmente nos concellos do rural. Desta maneira, en hubrural.gal, que disporá de cinco canais (Tecnoloxía, Trámites, Turismo, Ocio e Benestar), os maiores participantes, coa axuda dos contidos e de vídeos de veciños influencers que están agora mesmo en formación, aprenderán desde como facer un Bizum ou solicitar unha cita a través da aplicación do Sergas ata aprender hábitos alimenticios ou actividades de benestar que teñan como fin, todas elas, combater a soidade non desexada.

Dixitalización nos concellos

Por outra banda, Luis López explicou que a Deputación enviou unha carta aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia para xestionar a entrega de 640 equipos informáticos (entre portátiles, pantallas, teclados, etc.) como parte dun proxecto de reforzo das infraestruturas dixitais dos concellos, unha acción que conta cun orzamento próximo aos 640.000 € dos fondos Next Generation.

Desta maneira, a Deputación facilitará aos municipios un formulario e, por orde de solicitude, recollerán a partir da semana que vén estes equipos, que permitirán reforzar a dixitalización e dotar aos empregados públicos de novas ferramentas de traballo. “Agora que está de actualidade Europa, é unha boa ocasión para recoñecer este bo uso que lle damos aos fondos de todos os europeos”, asegurou o presidente provincial.

logo ministerio

Ligazóns de interese