Esgotadas as prazas para o obradoiro de elaboración de máscaras no Museo de Pontevedra

Participarán 30 nenas e nenos, de 6 a 10 anos, nas dúas sesións deste obradoiro, que se desenvolverán o luns e o martes de Entroido

06/02/2024

O Museo de Pontevedra completou as prazas do obradoiro de elaboración de máscaras, que se desenvolverá o luns e o martes de Entroido. As prazas esgotáronse pouco despois de que abrise o prazo de inscrición esta mesma mañá.

No obradoiro participarán 30 nenas e nenos, de 6 a 10 anos. A actividade, impartida polo equipo do Departamento de Educación do museo, conta cunha quenda o luns 12 de febreiro e outra o martes 13, ambos os días de 11:30 a 13:00 horas. As e os participantes poderán coñecer algunhas e algúns protagonistas e personaxes tradicionais do noso Entroido. Utilizando algunhas das obras de arte expostas no Museo de Pontevedra relacionadas cos animais realizarán as súas propias máscaras dunha forma libre e creativa.

Este obradoiro ten como obxectivo principal fomentar a creatividade da rapazada e o coñecemento das tradicións galegas ligadas a estas datas, e achegarlles dunha maneira divertida a colección artística e patrimonial do museo. Ao mesmo tempo, quere ser unha alternativa de conciliación para as familias en días non lectivos. Esta liña de obradoiros tamén se desenvolve noutros períodos de vacacións escolares ao longo do ano, coma Semana Santa, verán ou Nadal.