Luis López salienta os acordos co presidente da Xunta para impulsar os proxectos estratéxicos do Cine Fraga, en Vigo; e Santa Clara, en Pontevedra

O presidente provincial traslada ao dirixente autonómico, nunha reunión na sede da Xunta en Pontevedra, a proposta para participar na Bienal de Arte do vindeiro ano

03/07/2024

O presidente da Deputación co presidente da Xunta

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de manter esta tarde de mércores un encontro oficial co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no que quedou clara a vontade de ambas as administracións de seguir tendendo pontes en beneficio da provincia. Unha reunión na que avanzaron na colaboración conxunta na rehabilitación de Santa Clara, na posibilidade de que a Xunta tome parte da recuperada Bienal de Arte e concretaron detalles da operación para a compra do Cine Fraga en Vigo, que se aprobará a vindeira semana por un prezo de 9,3 millóns de euros, dos que a Deputación achegará o 49 % e a Xunta o 51 % restante. Así mesmo, ambos os dirixentes acordaron establecer unha alianza entre as dúas administracións en materia de promoción de destino turístico.

Na reunión, que tivo lugar na sede da Xunta en Pontevedra, reinou un ambiente de cordialidade e vontade de cooperación entre os máximos representantes destes dous organismos. “Foi unha reunión tan positiva, numerosa en canto aos temas e frutífera como no resto de días que sumamos as forzas de ambas as dúas administracións”, contextualizou López, quen puxo en común co presidente Rueda as prioridades da provincia.

A rehabilitación do convento de Santa Clara foi un dos asuntos principais. Asegurada a colaboración da Xunta no proxecto a través do convenio asinado no pasado mes de xaneiro polo que achega 6 millóns de euros, a conversa centrouse na busca de axilizar os trámites e a planificación conxunta do inicio das obras, que poderían comezar antes de que remate o ano 2024. No eido da cultura, A Deputación amosou o seu interese en que a Xunta participe a nivel organizativo, económico e de promoción, na recuperada Bienal de Arte que se celebrará no ano 2025 na capital pontevedresa.

Cine Fraga, compromiso cumprido

Con todo, a principal novidade deste cumio foros os detalles sobre o acordo para a compra do Cine Fraga, en Vigo, que serán aprobados a vindeira semana polos dous executivos. Un acordo que consiste na adquisición conxunto do inmoble por un importe total de 9,3 millóns de euros, dos que a Deputación achegará o 49 % e a Xunta o 51 % restante.

A promoción do territorio como destino turístico é outro dos acordos estratéxicos nos que se avanzou neste encontro. Tanto López como Rueda amosaron a súa sintonía para traballar de xeito conxunto na posta en valor dos “inmensos atractivos turísticos que temos na provincia e en Galicia”, sinalou o mandatario provincial facendo referencia especificamente ás variedades do Camiño de Santiago que cruzan a provincia: o Camiño Portugués, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno.

A alta velocidade entre Vigo e Porto, unha prioridade

Unha fronte común entre as dúas institucións que servirá tamén para tratar de conseguir unha conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto, unha iniciativa á que á Deputación xa anunciou o seu apoio o pasado venres, así como a saída sur da alta velocidade cara Vigo.

Entendemento e máis acordos

O bo entendemento entre os dous dirixentes serviu tamén para avanzar noutros asuntos de interese mutuo como a colaboración nas campañas de prevención e loita contra incendios forestais, na rehabilitación do Pazo de Lourizán, que se atopa en fase de selección da proposta gañadora do concurso de ideas; ou a constitución dunha comisión mixta para avanzar no intercambio de titularidades de estradas que favorecería, entre outros aspectos, o desenvolvemento de varios parques empresariais da provincia.

O encontro coincide coa semana na que se cumpre o primeiro ano de mandato de Luis López á fronte da Deputación. Un período no que a colaboración entre os gobernos provincial e autonómico deron froitos como citado o traspaso do Pazo de Lourizán, que seguiu co da Escola de Canteiros ou dos centros educativos de Príncipe Felipe. Un entendemento reflectido tamén en convenios de colaboración específicos ou na colaboración nos parques comarcais de bombeiros, así como con numerosas reunións entre deputados, conselleiros e cargos da Xunta para avanzar en asuntos de interese mutuo.

Así mesmo, Luis López, quen recordou o seu pasado recente como delegado territorial da Xunta en Pontevedra, tamén tivo palabras de agradecemento para o presidente Rueda. “Como pontevedrés, como xestor con experiencia contrastada e como presidente de Galicia, a provincia sempre encontra en Alfonso Rueda ao mellor aliado para afrontar os seus retos”, afirmou o mandatario provincial.

“Escribimos unha nova páxina de entendemento entre dúas institucións que fan máis provincia, que axudan ao local e son municipalistas e que saben que, en moitas ocasións, tender pontes é o camiño máis curto para resolver problemas. Agradezo novamente ao presidente Alfonso Rueda esta encontro, que terá continuidade no futuro con reunións entre deputados e altos cargos da Xunta”, concluíu o titular da Deputación, Luis López.

 

Galerias de imaxes

audios

Declaracións de Luis López

Declaracións de Alfonso Rueda