A Deputación pon este venres en marcha as visitas guiadas a Santa Clara que se estenderán ata o 23 de xuño

As 120 prazas ofertadas para estas visitas, que comezarán este venres 7 de xuño e continuarán os días 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño, cubríronse en dous minutos

06/06/2024

A Deputación de Pontevedra pon este venres en marcha as visitas guiadas a Santa Clara, que se estenderán ata o 23 de xuño. As 120 prazas ofertadas para esta actividade, que comeza este venres 7 de xuño ás 18:00 horas e continúa os días 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño ás 11:00 horas, cubríronse en dous minutos.

As visitas guiadas estarán a cargo do persoal da área de Educación do Museo de Pontevedra e realizaranse en grupos de 20 persoas cunha duración dunha hora. O percorrido iniciarase na igrexa e, a continuación, visitaranse estancias como o coro baixo, o coro alto e mais o claustro. Ademais, as visitas tamén permitirán coñecer a zona verde do convento, tanto a horta como o bosque.

O convento de Santa Clara, a súa finca e o seu muro están catalogados como bens con protección para a conservación monumental. A súa historia remóntase ao ano 1271, segundo a ficha do catálogo municipal, aínda que a primeira referencia directa documental do convento data de 1293, nun documento que se conserva na Colección Casto Sampedro do Museo de Pontevedra que fai referencia á doazón que se fixo a Tareixa Pérez, monxa de Santa Clara. No século XIV constrúese a Igrexa, de estilo gótico, que conta cun importante conxunto de retablos barrocos.

O xardín é o grande atractivo do patrimonio natural en Santa Clara, un espazo cunha extensión de preto de 12.000 metros cadrados no que medra unha gran cantidade de árbores froiteiras. Ademais tamén conta coa horta na que as monxas cultivaban e producían produtos, na que destacan as vides para a produción de viño.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.