Luis López anima a todas as persoas amantes do ciclismo a participar na Copa Galicia BTT 3H Resistencia de Vilagarcía de Arousa
O Pazo provincial acolleu a presentación dunha cita que chega por vez primeira á provincia o vindeiro 11 de febreiro da man do Club Ciclista Arousa Bike BTT
12/01/2024
O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este venres a presentación da Copa Galicia BTT 3H Resistencia de Vilagarcía, que terá lugar o vindeiro 11 de febreiro e está organizada polo Club Ciclista Arousa Bike BTT e a Federación Galega de Ciclismo. No acto, o presidente provincial, Luis López, animou as e os amantes do ciclismo a participar e incidiu na importancia de que a comarca do Salnés acolla unha cita como esta. “Estou seguro de que vai ser todo un éxito, xa que o marco da proba, polo monte Xiabre, é incomparable”, asegurou.
Para a Deputación de Pontevedra é fundamental apoiar a Copa Galicia BTT pois, en palabras do presidente, “o deporte é o motor de desenvolvemento da provincia, é unha aposta firme desta institución, e non soamente a través do apoio e da organización de eventos, como esta proba, ou o regreso da Vuelta a España á provincia en agosto, ou O Gran Camiño, senón tamén a través do impulso ás infraestruturas e equipamentos deportivos”.
A proba de Vilagarcía de Arousa, que transcorre polo monte Xiabre, concretamente nun circuíto de seis quilómetros próximo ao encoro de Castroagudín, é a quinta e última cita da terceira edición da Copa Galicia BTT 3H Resistencia, tras pasar por Lousame, Noia, Muros e Camariñas. Este é o primeiro ano que a provincia de Pontevedra acolle unha das súas probas, cun percorrido no que, ademais, se coroarán as e os gañadores da copa.
No acto de presentación desta cita deportiva, que conta co ciclista Gustavo Veloso como padriño e na que participarán caras coñecidas coma o actor e humorista David Amor, o presidente tamén remarcou o papel de Arousa Bike BTT, que, nos seus poucos meses de vida, colle as rendas da organización da Copa Galicia BTT 3H Resistencia en Vilagarcía de Arousa.