A Deputación leva este sábado 16 de novembro a Mos o novo programa +Convivir destinado ao movemento veciñal

Será a quinta xornada deste programa de convivencia, tralas celebradas o 13 de setembro en Poio, o 28 de setembro en Cambados, o 26 de outubro en Cuntis e o 10 de novembro na Estrada, con máis de medio milleiro de persoas en cada cita

14/11/2024

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 16 de novembro a Mos o novo programa +Convivir. O pavillón Óscar Pereiro será o escenario onde se celebrará esta xornada lúdica e formativa dirixida ao movemento veciñal para pór en valor como “xuntos e entre todos” se constrúe a provincia, coa previsión de que asistan arredor de 700 veciños e veciñas de Mos e da contorna. A de Mos é a quinta parada de +Convivir, tralas xuntanzas celebradas o pasado 13 de setembro en Poio, o 28 de setembro en Cambados, o 26 de outubro en Cuntis e o 10 de novembro na Estrada, con máis de medio milleiro de persoas en cada cita.

A xornada de +Convivir en Mos comezará ás 16:30 horas coa intervención do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. Ao longo da tarde terá lugar unha charla formativa sobre o alzhéimer a cargo da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Galicia (AFAGA), un obradoiro de risoterapia e outro de ximnasia de mantemento. Para finalizar, as actividades irán seguidas dun viño galego para todos os participantes amenizado por unha actuación musical.

+Convivir é un novo programa provincial co que a Deputación de Pontevedra pretende amosar as súas sinerxías co movemento veciñal para dinamizar a provincia de Pontevedra. Ademais dos xa realizados en Poio, Cambados, Cuntis e a Estrada e o que terá lugar este sábado en Mos, está tamén confirmada a realización dun encontro cos movementos veciñais no concello de Tomiño o próximo sábado 23 de novembro.