A Deputación leva esta fin de semana ata as comarcas do Baixo Miño, O Salnés e Vigo o programa provincial +Convivencia
Máis de 150 persoas de Bueu, Cerdedo-Cotobade e Cuntis gozarán das actividades ofrecidas pola institución provincial para coñecer o patrimonio da Guarda, Baiona, Vilagarcía, Cambados, a ría de Arousa e a Illa de San Simón
28/08/2024
Máis de 150 persoas de tres entidades sociais dos concellos de Bueu, Cerdedo-Cotobade e Cuntis participarán esta fin de semana en saídas do programa +Convivencia da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia. Neste caso, o programa provincial chegará ás comarcas do Baixo Miño, O Salnés e Vigo, onde os grupos poderán gozar das actividades ofrecidas pola Deputación para coñecer os recursos turísticos e naturais da Guarda, Baiona, Vilagarcía, Cambados, a ría de Arousa e a Illa de San Simón.
O sábado 31 de agosto terán lugar dúas saídas, que levarán a 50 usuarias da Asociación de Mulleres de Troáns (Cuntis) a facer unha excursión polo sur da provincia onde coñecerán A Guarda, con parada no castro de Santa Trega, e Baiona. Ademais, outras 55 persoas da Asociación de Xubilados, Prexubilados e Pensionistas de San Pedro de Tenorio (Cerdedo-Cotobade) visitarán O Salnés para realizar un percorrido polo Pazo de Rubianes, Cambados e a ría de Arousa en cruceiro, con degustación de produtos do mar. Xa o domingo 1 de setembro, 54 usuarios dos Amigos da Vieira de Bueu viaxarán ata a Illa de San Simón e o Museo de Rande, en Redondela, e a cidade de Vigo.
O programa +Convivencia, dotado de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. O prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanece aberto ata o 1 de decembro.
Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.