A Deputación organiza este venres no Museo de Pontevedra unha conferencia sobre os instrumentos científicos relacionados coa provincia
O físico Anxo Vidal afondará no contexto histórico, social e político no que se desenvolveron avances promovidos por científicos e institucións pontevedresas
14/01/2025
A Deputación de Pontevedra programou para este venres 17 de xaneiro ás 19:00 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a conferencia “Medir, observar, matar? Cíborgs científicos e a provincia de Pontevedra”. O investigador e físico Anxo Vidal falará dos instrumentos científicos relacionados coa provincia de Pontevedra e, especialmente, do que nos ensinan sobre a relación entre o coñecemento científico e o seu contexto histórico, social, político, económico e cultural.
Como explica Vidal, un ciborg é un ser cunha parte humana e outra tecnolóxica que se potencian mutuamente. Cada vez que interactuamos cun instrumento científico convertémonos, momentaneamente, nun ciborg con capacidades potenciadas, capaces de ver, escoitar ou facer o que sos non poderiamos. Nos últimos dous séculos, persoas, institucións e empresas da provincia de Pontevedra deseñaron, usaron ou sufriron a acción de instrumentos científicos. Desde os instrumentos de medición topográfica utilizados polo portense Domingo Fontán na carta xeográfica de Galicia, ata o tóxico DDT producido na porriñesa Zeltia para o control de pragas agrícolas nos anos do franquismo, pasando polo teodolito do astrónomo lalinense Aller Ulloa. A relación humano-máquina produce coñecemento científico, transfórmanos e transforma o mundo no que vivimos.
Anxo Vidal Nogueira naceu en Bueu en 1997. É graduado en física pola USC, mestrado en historia da ciencia e comunicación científica pola Universitat d’Alacant e con formación específica en cultura material da ciencia na Universidade de Flensburg e no Deutsches Museum de Múnich. Actualmente desenvolve un proxecto de doutoramento na Universitat de València focalizado no patrimonio instrumental da física da Universidade de Santiago de Compostela. Ten publicado sobre os inicios da física cuántica en España e a súa relación coa filosofía nos libros de texto españois. Profesionalmente, dedícase a investigar, dar clases na universidade e deseñar exposicións museísticas.