A Deputación organiza este xoves no Museo unha conferencia sobre obra de Francisco Asorey en Pontevedra
O mércores terá lugar a última sesión do curso de arte e indumentaria Tirando do Fío, dedicada á Revolución francesa
16/04/2024
Este ano o Día das Artes Galegas está dedicado a Francisco Asorey. Para conmemoralo, a Deputación de Pontevedra organiza no Museo este xoves 18 de abril, ás 19:30 h, no Edificio Castelao, unha conferencia centrada no escultor de Cambados. Será impartida pola profesora Maribel Iglesias Baldonedo, co título “A obra de Francisco Asorey no Museo e na cidade de Pontevedra”.
Nesta conferencia farase un percorrido pola abundante obra de Francisco Asorey que existe no Museo e na cidade. Son pezas de todas as súas etapas artísticas, polo que o percorrido permitirá explicar as claves da traxectoria do escultor e as súas principais influencias artísticas. Hai obras no Museo de Pontevedra que corresponden á súa estancia en Madrid, nos inicios da súa carreira. Outras, como a escaiola de Naiciña ou o Tesouro son da etapa dos anos 20, xa en Galicia, cando triunfa nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de Madrid e recibe a influencia do ideario das Irmandades da Fala. O busto do violinista Quiroga corresponde tamén a esta etapa. E, finalmente, o busto de Calvo Sotelo ou o Monumento a Cabanelas corresponden á etapa final, que coincide coa posguerra e chega a 1961, ano en que morre.
Maribel Iglesias Baldonedo naceu en Caracas, Venezuela, en 1964. É licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora de secundaria no IES Francisco Asorey, de Cambados. Interesada na historia local, en 2005 realizou, xunto a alumnado e profesorado do centro, o traballo Cambados, 100 anos de historia a través da fotografía, que obtivo un premio á innovación educativa da Xunta de Galicia. Nesa liña seguiron os libros Ramón Cabanillas, biografía en imaxes (2008) e Francisco Asorey, escultor galego (2018), publicado a partir da súa tese de doutoramento. Constituíu xunto coa familia Gil de la Peña e De Laiglesia Gil, a Asociación Cultural Amig@s de Fefiñáns, da que é presidenta, co obxectivo de estudar, protexer e divulgar o patrimonio do pazo de Fefiñáns e da súa contorna, que é todo O Salnés. Nesa liña vai a publicación do libro Pazo de Fefiñáns. Historia e arte en 2021. Esta asociación publica semestralmente baixo a súa dirección un boletín, O Umia, con artigos variados e de colaboradores de prestixio, sobre o patrimonio histórico, artístico, científico e natural do Salnés.
Última sesión de Tirando do Fío
Por outra banda, este mércores remata o curso Tirando do Fío, que ao longo de dez semanas, desde o 31 de xaneiro, recorreu a historia da indumentaria a través da arte. Impartido por Carolina Munáiz, dedicou cada sesión a un momento histórico diferente, percorrendo así o antigo Exipto, Grecia, Roma, Bizancio, a Idade Media, o Renacemento e o Barroco ata desembocar na Revolución francesa, que será protagonista da última sesión, este mércores de 19:00 a 20:30 horas no Edificio Castelao, con entrada libre.
Nesta última clase falarse de como o estoupido da Revolución francesa supuxo un transcendental cambio de rumbo político e social que tivo o seu reflexo simbólico no traxe, instrumento de propaganda ideolóxico afín aos novos tempos. A pompa aristocrática foi rexeitada e os sans-culottes lograron virar o valor das súas prendas e sentar as bases do posterior devir do traxe burgués.