A Deputación de Pontevedra colaborará coa Asociación Ponte nas Ondas para a retransmisión e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués
Ambas entidades organizarán oito obradoiros de radio e podcast en centros educativos da provincia entre outubro e novembro e celebrarán o Día Internacional do Patrimonio o 15 de novembro no Centro Cultural de Valadares en Vigo
01/10/2024
A Deputación de Pontevedra colaborará coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, recoñecida pola UNESCO, para a retransmisión e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. A institución provincial destinará 15.000 euros á entidade para a organización de oito obradoiros de radio e podcast en centros educativos entre outubro e novembro e para a celebración do Día Internacional do Patrimonio o 15 de novembro no Centro Cultural de Valadares en Vigo.
O obxectivo desta colaboración é erixir a cultura como elemento integrador do territorio transfronteirizo e poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués, involucrando ao alumnado dos centros educativos da provincia de Pontevedra na súa preservación. Deste xeito, entre outubro e novembro organizaranse oito obradoiros de radio e podcast no CEIP Petelos de Mos, no CEIP Seis do Nadal de Vigo, no CEP Altamira de Salceda de Caselas, no IES San Paio de Tui, no IES do Barral de Ponteareas, no IES Terra do Turonio de Gondomar, no IES Luis Seoane de Pontevedra e no IES de Salvaterra de Miño.
Ademais, a Deputación e Ponte nas Ondas colaborarán na organización do Día Internacional do Patrimonio o 15 de novembro no Centro Cultural de Valadares en Vigo. Esta celebración consistirá nun acto público e nunha emisión por radio e internet. O acto contará cunha actuación musical e nel participarán os premiados do Certame de Ponte nas Onda “As imaxes do patrimonio”.
A Deputación de Pontevedra colabora con Ponte nas Ondas para poñer énfase no vencello entre pertenza, territorio, identidade e cultura, aumentando a interrelación para afondar na recollida e estudo do patrimonio cultural histórico inmaterial transfronteiriza, así como para poñelo a disposición da cidadanía en formatos áxiles e modernos que garantan a máxima flexibilidade e dispoñibilidade de consulta.