A Deputación levará este domingo a máis de 50 persoas da provincia a desfrutar do programa de termalismo +Benestar

Son veciños e veciñas de 14 concellos da provincia, que gozarán dunha estancia no Hotel Carlos I, en Sanxenxo

14/12/2024

Máis de 50 persoas de 14 concellos da provincia desfrutarán desde este domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar cunha estadía no Hotel Carlos I de Sanxenxo. En concreto, son persoas dos concellos da Caldas de Reis, Cangas, A Cañiza, Crecente, A Estrada, Gondomar, A Illa de Arousa, Nigrán, Pontevedra O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Tui e Vigo.

No marco do programa de termalismo +Benestar serán preto de 2.200 as persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia as que desfruten de estancias de seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e , ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

O organismo provincial subvenciona un total de 2.097 das prazas, que son de réxime xeral, con 100 €, e outras 30, de réxime especial, están subvencionadas con 400 €, e os usuarios deben facerse cargo da cantidade restante. Ademais da estadía, o paquete comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.