A Deputación avanza que este venres aprobará axudas de máis de 85.000 euros para o proxecto de mellora da pista multideporte de Calvos e das piscinas municipais de Fornelos de Montes
O deputado provincial Jorge Cubela visitou hoxe as instalacións nas que se van investir recursos provinciais do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
06/03/2025
O deputado provincial Jorge Cubela visitou xunto co alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, as instalacións da pista multideporte de Calvos e das piscinas municipais da vila, onde anunciou que a Deputación aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de máis de 85.000 euros para a mellora destas instalacións deportivas. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, un programa dotado de oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición) co que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. Ao abeiro deste plan, Fornelos de Montes recibirá este ano o triplo dos recursos que o pasado, cando obtivo máis de 28.000 euros para a ampliación da cuberta existente entre edificacións de uso deportivo e para a clausura de ocos na pista de pádel.
Cubela deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos (concretamente 85.365,18) que permitirán financiar a mellora das instalacións deportivas de Calvos e das piscinas municipais de Fornelos. Ao detalle, en Calvos mellorarase a seguridade da pista deportiva eliminando os peches de maia electrosoldada en mal estado e instalando un novo peche perimetral con dúas portas de acceso á pista e aos vestiarios. No caso das piscinas municipais xerarase unha zona de sombra na área de espera que consistirá nunha pérgola que continuará a cuberta existente do bar.
“Estamos co deporte e estamos cos concellos, e esta actuación é unha boa mostra diso”, sinalou Jorge Cubela, que lembrou que “a dotación e mantemento das instalacións deportivas son moi custosos, e por iso estamos facendo un esforzo excepcional con programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas”. O deputado lembrou que o deporte é un dos eixos prioritarios do goberno da Deputación, de xeito que “este ano temos máis recursos que nunca para o deporte, xa que temos un modelo claro que se basea en converter Pontevedra na provincia do deporte e no grande estadio deportivo do mundo”.