A Deputación abre este xoves o prazo para solicitar as liñas de axudas para a promoción e o impulso do turismo na provincia, dotadas con 460.000 euros

Trátanse das liñas de axudas para o impulso de actividades e a divulgación de recursos, dotada con 80.000 €, para a promoción de eventos deportivos, con 100.000 €, e para a dotación de persoal nas 31 oficinas da rede Info Rías Baixas, con 280.000 €

26/02/2025

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra acaba de publicar as bases das tres liñas de axudas para impulsar o turismo na provincia neste 2025 que suman un total de 460.000€. En concreto, trátase de 80.000 € para que entidades sen ánimo de lucro realicen actividades centradas na promoción do sector turístico ou na divulgación de recursos turístico da provincia, 100.000 € para promover eventos deportivos de interese turístico e cunha importante proxección mediática exterior e 280.000 € para dotar de persoal ás 31 oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas. Desde este xoves estará operativo o prazo para solicitar estas tres liñas de axudas que permanecerá aberto un mes.

A primeira das liñas, dirixida a entidades sen ánimo de lucro para actividades turísticas, destinará por concorrencia competitiva ata un máximo de 5.500 € por proxecto, non podendo exceder o 70% do seu orzamento. As actividades, que deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2025, deben estar dirixidas a promover e estimular o sector turístico, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como a divulgar os recursos turísticos da provincia como poden ser a natureza, o medio ambiente e a paisaxe, as festas e tradicións populares, o patrimonio cultural e lingüístico, a gastronomía e enogastronomía, a saúde, o benestar e o termalismo. O pasado ano esta liña de axudas beneficiou a 18 entidades da provincia.

No segundo caso, as achegas están destinadas a fomentar a actividade turística a través do deporte. Trátase dunha liña de axudas por concorrencia competitiva, que se estreou o pasado ano e beneficiou a doce clubs deportivos e asociacións da provincia. O obxectivo é apoiar a celebración de eventos deportivos relevantes e cunha importante proxección mediática exterior, que se celebren durante este ano. En liñas xerais, cada entidade beneficiaria poderá recibir un máximo de 9.000 euros, sempre que non supere o 40% do custo total do evento.

E finalmente, a terceira das liñas de axudas ascende a 280.000 € para a prestación dos servizos de información e atención aos visitantes nas 31 oficinas de turismo adheridas á Rede Info Rías Baixas. A través destas achegas poderán financiarse tanto os custos salariais de persoas empregadas públicas que presten servizos de atención ao público como os derivados da contratación do servizo. Entre os requisitos da convocatoria, destaca que as persoas contratadas deben ser diplomadas en Turismo, ter o ciclo de formación Profesional en Guía, Información e Asistencias Turísticas ou en Comercialización Turística e Guía, ou contar co certificado de profesionalidade de promoción turística local e información ao visitante. O importe máximo da subvención non poderá exceder o 75% do seu orzamento nin superar os 7.000 € no caso de que se subvencionen os custos derivados da contratación dunha persoa informadora nas oficinas de turismo. Nos concellos declarados como municipio turístico, poderán dispor de dúas persoas informadoras, e o importe máximo da subvención ascenderá aos 14.000 €.