A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo apoian dez investigacións que buscan contribuír ao desenvolvemento da provincia
A institución provincial financia os proxectos liderados por investigadores novos, cinco do campus de Vigo e outros tantos do de Pontevedra, con preto de 80.000 euros
30/09/2024
A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo acaban de seleccionar dez proxectos de investigadores novos dos campus de Vigo e Pontevedra dentro da liña de achegas a iniciativas investigadoras, á que a institución provincial destina preto de 80.000 euros a través dun convenio coa Universidade. Os proxectos beneficiarios das axudas abordan cuestións como a intelixencia artificial, a recollida de lixo, a natureza, a cultura, a conservación de especies, a bioloxía, o sector dos coidados ou, entre outras, o reto demográfico.
En concreto, cinco dos proxectos están vinculados ao campus de Pontevedra. Deles, dous poñen o foco nas redes sociais e serán liderados por investigadores da Facultade de Comunicación. Javier Abuín, do grupo Sepcom, desenvolverá un estudo sobre influencers virtuais, creados con intelixencia artificial, co obxectivo de crear un avatar que poida servir como ferramenta de xeración de marca rexional e promoción do turismo na provincia. Por outra banda, a investigadora do grupo CS1 Beatriz Martínez realizará unha análise das estratexias de comunicación e promoción cultural en redes sociais de diferentes institucións e organizacións sociais da provincia, así como do xeito no que se representa nestas o Camiño de Santiago.
Por outra banda, o investigador do grupo WellMove, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Adriano Sánchez levará a cabo o proxecto Ponte-Vida, un estudo dirixido a avaliar os beneficios dun programa de exercicio baseado na marcha nórdica, na saúde e calidade de vida de mulleres que superaron un cancro de mama. Ademais, a profesora da Facultade de Fisioterapia e integrante do grupo HealthyFit, Irimia Mollinedo desenvolverá un estudo dirixido a coñecer tanto as características sociodemográficas, como as capacidades físicas e cognitivas de preto de 350 persoas diagnosticadas de párkinson, no que buscará tamén validar unha ferramenta de valoración da capacidade funcional desta poboación.
Así mesmo, o profesor de Dirección e Xestión Pública Santiago Salvador estudará as respostas e instrumentos político-normativos que o actual marco xurídico ofrece á hora de abordar os retos demográficos, nun contexto de cambio climático e crise enerxética. Entre outros aspectos, analizará os desafíos que enfrontan as administracións locais á hora de implantar cláusulas ambientais e sociais nos seus procesos de contratación ou de facilitar a creación de comunidades enerxéticas.
Campus de Vigo
As outras cinco investigacións financiadas son do Campus de Vigo, como o proxecto centrado na criopreservación de medusas e na utilidade destas técnicas para a preservación da biodiversidade mariña da investigadora do CIM Estefanía Paredes. Por outra banda, o impacto nos sedimentos da ría de Arousa dos cambios nos usos do solo na conca hidrográfica do río Umia será o eixe central do proxecto da tamén investigadora do CIM Ángela Fontán. Así mesmo, o integrante do grupo de Química Cuántica, Nicolás Ramos desenvolverá un estudo das interaccións moleculares en sistemas biolóxicos de certos compostos químicos presentes en organismos e sedimentos mariños e que afectan negativamente á saúde humana e aos ecosistemas mariños.
A investigadora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Isabel Expósito estudará a viabilidade de empregar tecnoloxías sen fíos para mellorar a xestión de residuos nas zonas rurais e, máis concretamente, a posibilidade de empregar estas tecnoloxías para medir de forma automática o nivel de ocupación de cada colector, o que permitiría optimizar as rutas recollida do lixo. Entre os proxectos seleccionados atópase tamén o que Irene Dozo realizará e que estará centrado no “ecosistema” do sector dos coidados na provincia de Pontevedra. Neste eido, a investigadora da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo estudará a realidade xurídico-laboral e sociolóxica dos e das traballadoras deste sector.