A Deputación recomenda continuar revisando os viñedos ante o tempo inestable destes días

As temperaturas elevadas dos últimos días propiciaron o desenvolvemento dos acios e actualmente non se observan síntomas graves de mildio

14/06/2024

Síntoma da acariose en folla nova

A Estación Fitopatolóxica Areeiro acaba de publicar un novo aviso fitosanitario, no que destaca que a situación actual das viñas está controlada, e que, debido a que a maioría dos predios recibiran xa un tratamento antimildio antes do episodio tormentoso da semana pasada ou fixeran labores de despuntado e esfolla, non se observan síntomas graves de mildio. Desta maneira, os técnicos tan só atoparon, onde xa se levaba arrastrando unha infección mal controlada, algún acio disperso cuns grans con frutificación así como algunha mancha non ben curada. Ademais, as temperaturas elevadas que se rexistraron ao longo desta semana, tanto máximas como mínimas, e un tempo despexado e luminoso en xeral, propiciaron o desenvolvemento dos acios, e incluso algúns dos máis expostos en predios moi solleiros amosan grans que case acadan o tamaño chícharo.

De todas maneiras, ante o tempo inestable que se prevé nos próximos días, Areeiro recomenda seguir pendente do estado das viñas, sobre todo daqueles predios menos ventilados, con restos de infeccións anteriores non ben controladas e/ou nos que estea próximo a concluír o período de protección do tratamento anterior, renovando a aplicación cando o tempo o permita se aparecen novos síntomas, en especial se as temperaturas son finalmente favorables ás infeccións. No caso das viñas en zonas onde tivera caído sarabia, se hai que renovar a aplicación recomendan usar un funxicida que leve folpet na súa formulación

No relativo ao oídio, os técnicos de Areeiro non encontraron novos síntomas esta semana pero, estando nun período con elevada humidade, se as precipitacións previstas son en forma de orballo o fungo aínda se verá máis favorecido, ademais de que a viña está nun período de alta sensibilidade ao patóxeno. Por iso, hai que manter a vixilancia, en especial se a viña está composta por variedades sensibles.

Ademais, esta semana xa se observaron os primeiros acios afectados polo black rot nunha viña do Condado que ten próximas varias plantas de vide abandonadas que presentan síntomas desde hai tempo. Por iso é fundamental eliminar todas estas plantas, pois son vías de entrada de enfermidades aos predios. Ante o novo episodio de precipitación, recomendan continuar vixiando, e, en caso de realizar unha aplicación, utilizar funxicidas con actividade conxunta fronte a black rot, mildio e oídio nas parcelas sensibles. Por último, esta semana atopáronse brotes con acariose.