Luis López anuncia “Meu Concello”, unha novidosa app móbil que a Deputación pon en marcha para mellorar a comunicación entre os concellos e os seus cidadáns

O servizo, que estará dispoñible para a cidadanía de 28 concellos da provincia, poderá descargarse nas tendas de aplicacións a partir do 12 de xuño

07/06/2024

APP Meu Concello

A Deputación de Pontevedra porá en marcha o vindeiro 12 de xuño a nova aplicación móbil "Meu Concello", que funcionará como unha canle directa de comunicación entre a cidadanía e os 28 concellos da provincia adheridos ao proxecto: A Cañiza, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Bueu, Cambados, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Mos, O Grove, Pazos de Borbén, Pontecesures, Portas, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Vilaboa. Trátase dunha iniciativa financiada con recursos dos fondos Next Generation para a modernización e dixitalización das entidades locais de  menos de 20.000 habitantes. 

"É evidente que a dixitalización na Administración veu para quedarse" asegurou o presidente provincial Luis López quen engadiu que "se a semana pasada lles informaba da entrega de 640 equipos informáticos  a concellos, hoxe sentímonos igual de satisfeitos presentando esta aplicación que servirá de canle directa de comunicación". Neste eido, Luis López explicou que os veciños poden poñer en coñecemento do Concello aquelas incidencias que detecten na súa localidade e este poderá coñecer, así, as necesidades e problemas do municipio para darlles resposta. Ademais, a aplicación móbil tamén permitirá ao Concello enviar avisos á cidadanía, sumando así unha canle de comunicación áxil, inmediata e eficaz.

Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga da APP Meu Concello, que estará dispoñible en Google Play (para Android) e a APP Store (para iOS) de maneira gratuíta. Trala súa instalación  o usuario só ten que seleccionar o seu concello e, para comunicar unha incidencia, basta con premer sobre o botón "Nova Incidencia", o que despregará un menú coas diferentes tipoloxías. O usuario selecciona aquela sobre a que quere comunicar e, de forma automática, a aplicación detecta as coordenadas exactas nas que se atopa o problema. O seguinte paso é achegar unha foto da incidencia, escribir unha observación sobre a mesma e premer o botón de enviar.

Unha vez enviada, o persoal do Concello recibe a notificación e, a partir dese momento, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán, á súa vez, recibe unha notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado. Tamén pode facer seguimento da situación na que se atopa a mesma a través do botón de "Enviadas". Ademais de comunicar unha incidencia, o usuario pode acceder a información propia do municipio e a puntos de interese do mesmo.

Ao servizo tamén se pode acceder a través do dominio https://"nomedoconcello".meuconcello.com. Basta con introducir unhas claves de acceso para así poder utilizar todas as funcionalidades que ofrece a ferramenta. A través da implantación deste canal directo de comunicación entre o Concello e os seus administrados, preténdese coñecer as necesidades reais do municipio para así poder atender dunha forma mais rápida e precisa as peticións dos veciños.

 

videos

audios