Luis López reforza a aposta da Deputación como a casa do deporte na provincia co apoio ao primeiro Galicia Pádel Máster en Pontevedra

O presidente da Deputación, acompañado pola vicepresidenta, Luisa Sánchez, presentan o primeiro campionato internacional promovido por A1 Pádel en Galicia, que instalará no pavillón municipal unha cancha na que xogarán as e os mellores xogadores do circuíto

11/04/2024

Luis López na presentación do Galicia Padel Master

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reforzou a posicionamento da provincia como a casa do deporte na presentación dun novo evento deportivo que terá lugar en Pontevedra entre o 24 e o 30 de xuño: o Galicia Pádel Máster, a primeira edición dun campionato incluído no circuíto internacional A1 Pádel que fará da capital da provincia a capital deste deporte en Galicia. O éxito da proba está asegurado porque “Pontevedra, Galicia e o A1 Pádel son sinónimo de excelencia e calidade”, augurou o mandatario provincial.

A competición realizarase ao longo da derradeira semana de xuño e terá no pavillón municipal de Pontevedra o seu centro de operacións coa instalación da pista central. De xeito paralelo, no recinto feiral, instalaranse outras tres pistas que acollerán un segundo torneo de categoría amateur. Ademais, o primeiro Galicia Pádel Másters traerá a Pontevedra aos mellores xogadores do mundo do A1 Pádel. “Pontevedra vai competir con cidades como Nova York, Montecarlo ou Cidade do Cabo”, afirmou Fabrice Pastor, presidente de A1 Pádel.

Acompañado pola vicepresidenta e responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez, o titular do Goberno provincial remarcou a aposta da Deputación polo deporte co apoio a un evento pioneiro e a ampliación da longa lista de disciplinas deportivas que elixen a provincia de Pontevedra para organizar competicións de ámbito nacional ou internacional. “Os que proban Pontevedra por primeira vez, repiten”, adiantou Luis López, convencido de que a proba será todo un éxito e que no futuro haberá máis edicións.

Neste sentido, o presidente da Deputación amosou a súa satisfacción por acoller un evento destas características. “No pádel cada vez hai máis deportistas e no A1 xa estades nun nivel de excelencia”, sinalou López, satisfeito pola repercusión global e o fortalecemento do liderado da provincia como destino turístico ligado ao deporte. Dun xeito similar pronunciouse a vicepresidenta, Luisa Sánchez, ao afirmar que “a Deputación quere estar en todo o que supoña promocionar a nosa provincia e o deporte é un eixe estratéxico”.

Acoller esta primeira competición de pádel supón un paso adiante na aposta estratéxica da Deputación polo deporte. “Queremos vincular turismo e deporte para que moita xente descubra que ese destino que está de moda é Galicia”, resaltou Luis López, quen recordou o apoio a outros eventos recentes como os partidos das seleccións absolutas de balonmán, con partidos no Porriño e en Lalín, o paso de La Vuelta a España pola provincia, o partido da selección española feminina de fútbol ou a final das series mundiais de tríatlon en Pontevedra. “O pádel vai ser unha experiencia 100 % Rías Baixas”, concluíu o presidente

Pádel, charlas e concertos

O programa desta primeira edición do Galicia Pádel Másters inclúe, ademais dun campionato profesional internacional e outro para xogadoras e xogadores afeccionados, unha ampla lista de actividades paralelas. Haberá relatorios de Toni Nadal, Almudena Cid e un monólogo do cómico Jorge Cremades. Ademais, está previsto o concerto de Celtas Cortos, La Frontera e La Guardia, así como exposicións de marcas e zona de food trucks

Galerias de imaxes

audios