A Deputación destinará 100.000 euros para apoiar ás escolas de música xestionadas por asociacións sen ánimo de lucro

As axudas, dotadas con 10.000 € máis que o pasado ano, permitirán ás entidades financiar, entre outros, gastos de persoal, de material ou reparación e conservación dos seus locais

26/07/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde a unha nova liña de axudas, dotada con 100.000 euros, 10.000 máis que o pasado ano, para apoiar ás escolas de música xestionadas por asociacións sen ánimo de lucro da provincia, “auténticas dinamizadoras culturais nas vilas e cidades desta provincia”, como as definiu o presidente provincial, Luis López, que remarcou ademais que estas axudas “son fundamentais para que entidades sen ánimo de lucro manteñan con vida escolas de música en vilas e pobos da provincia máis alá das grandes cidades”.

En concreto, as axudas permitirán ás escolas de música financiar gastos de persoal e de material de oficina, subministracións, a reparación e conservación dos seus locais, a reparación de instrumentos, as primas de seguros, servizos de asesoría ou xestoría e tamén gastos de prevención de riscos ou recoñecemento médico. As subvencións outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e, para elo, teranse en conta criterios como o número de alumnos, o número de docentes, o orzamento de gastos da escola ou as especialidades impartidas.

Segundo o presidente provincial, estas axudas “permítenos estar ao carón dos que promoven a cultura popular galega, en especial entre os máis pequenos, aos que transmiten coñecementos e valores culturais e fomentan a práctica da música”. Esta nova liña de subvencións únese así a outras iniciativas postas en marcha pola Deputación como o catálogo de grupos Culturea, con máis de 80 bandas de música da provincia.