Luisa Sánchez participa no afterwork do Círculo de Jóvenes Emprendedores con Alice Finot
14/11/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe na Sede de Vigo da institución provincial no afterwork organizado polo Círculo de Jóvenes Emprendedores (CIJE) e que tivo á deportista francesa afincada en Vigo Alice Finot como conferenciante principal. Sánchez aproveitou a ocasión para poñer en valor o mérito da deportista trala súa participación nos Xogos Olímpicos de París 2024, onde “quedou ás portas do podio de 3.000 obstáculos e conseguiu unha marca nunca xamais vista en Europa” e “ten demostrado que os soños, con esforzo e dedicación, se poden conseguir”.
A vicepresidenta provincial remarcou o firme compromiso da Deputación co Deporte e lembrou que a cara o 2025 o organismo vai aumentar un 15% o orzamento neste ámbito, con máis de seis millóns de euros aos que hai que engadir outros oito do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “Estamos poñendo moitos esforzos sobre a mesa para converter a Pontevedra na provincia do deporte, no grande estadio deportivo do mundo”, asegurou.