A Deputación leva este sábado a Tui unha actuación de Festicultores Troupe no marco de +Música
O concerto financiado pola institución provincial forma parte das actividades organizadas co gallo da Festa Gastronómica da XII Festa do Miño de Tui
16/08/2024
A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de Festicultores Troupe que se celebrará este sábado 17 de agosto a partir das 22:30 horas na Praza de Compostela de Tui. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.
Festicultores Troupe é unha banda con 17 anos de historia e que xa acumula máis de 800 actuacións por varios países coma Portugal, Francia, Serbia ou Polonia, cun espectáculo baseado na música, o humor, o baile e mais a desinhibición cerebral, enchendo as rúas e os escenarios nos que actúan cunha atmosfera cigana e festeira.
O concerto de Festicultores Troupe está incluído nas actividades organizadas por Tui na Festa Gastronómica dentro da súa XII Festa do Miño, e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.