A Deputación reivindica este 8 de marzo no Museo de Pontevedra o papel das mulleres compositoras a través dun concerto didáctico do Cuarteto Vagalume

A Deputación reivindica este 8 de marzo no Museo de Pontevedra o papel das mulleres compositoras a través dun concerto didáctico do Cuarteto Vagalume

06/03/2024

Cuarteto Caramuxo

Este venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Deputación de Pontevedra ofrece no Museo un concerto que reivindica o papel das mulleres compositoras ao longo da historia e tamén na actualidade. O Cuarteto Vagalume, unha formación de cordas integrada por catro músicos novos da provincia, presentará no Edificio Castelao, ás 19:00 horas, o espectáculo Ausencias. Unha viaxe pola música en feminino, no marco do ciclo O Son de Piano. O acceso é libre ata completar a capacidade.

O Cuarteto Vagalume está formado por Sabela Senn Loyoza (Pontevedra, 1992) e Vania Collazo Pequeño (Vigo, 1990) ao violín, Irene Portela (Pontevedra, 1998) á viola, e Rubén Canedo Silva (Berna, 1999) ao violonchelo. Son catro músicos da provincia de Pontevedra, formados en diferentes conservatorios superiores e cunha ampla experiencia concertística en agrupacións camerísticas e de gran formato, que poñen o foco na música de arraigamento coa intención de achegala a todo o público.

Presentado a modo de concerto didáctico, ofrecerán un percorrido por diferentes estilos e épocas, comezando coas melodías clásicas e elegantes de Maddalena Lombardini e rematando con dúas novas promesas da escena contemporánea galega: as compositoras Irene G. Magaña e Alicia García Tojeiro, con dúas obras especificamente compostas para o Cuarteto Vagalume. No medio soarán composicións de Cecile Chaminade, Fanny Hensel, Eugenia Osterberger, Florence B Price e María Grever. Con todas estas pezas pretenden reflexionar sobre a falta de visibilidade á que se enfrontaron destacadas compositoras ao longo da historia da música clásica.

O concerto é o segundo do ciclo O Son do Piano, que botou a andar este martes co dúo de voz e piano Crúas. Pecharase o martes 12 de marzo cun terceiro concerto, protagonizado polo frautista Manuel Morales e o pianista Raúl Rodríguez. Xuntos presentarán o espectáculo ...Música, onte-hoxe..., unha perspectiva da música de onte ata hoxe en día unindo compositores de distintos períodos.