A Deputación pon en marcha os cursos para loitar contra a fenda dixital no rural, nos que participarán 90 persoas de cinco concellos da provincia

As accións formativas, que se desenvolverán nas próximas semanas, terán lugar na Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña

08/03/2024

Imaxe da xunta de goberno

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a lista de persoas admitidas e excluídas nas actividades formativas que se desenvolverán ao abeiro do proxecto “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”. Como anunciou o presidente da Deputación, Luis López, en conferencia de prensa, en total son 89 as persoas que participarán nestas actividades que terán lugar nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña.

As accións formativas deste proxecto, que ten un orzamento total de 500.000 euros, comezarán nas próximas semanas. Serán, en total, sete cursos de cinco horas de duración cada un, e comezarán cunha formación básica sobre seguridade na utilización de medios electrónicos e Internet. Os cursos centraranse en temáticas coma a Administración electrónica, o Sergas en liña, o uso da banca móbil e as compras electrónicas, as redes sociais ou a creación de vídeos.

As actividades formativas impartiranse de forma presencial nas aulas postas a disposición polos concellos, dotadas pola Deputación co equipamento tecnolóxico e audiovisual preciso, e sustentaranse nunha plataforma de formación innovadora, na que se habilitarán canles e contidos dinamizados polas e polos influencers e o alumnado.