A Deputación financiará o 100% da reforma do campo de fútbol Penedo Redondo, en Salceda de Caselas, cun investimento de 240.000 euros

A institución provincial destinará máis de 130.000 € do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e outros 110.000 € serán achegados polo concello a través do Plan +Provincia 2025

29/11/2024

A Deputación de Pontevedra financiará o 100% da reforma do campo de fútbol Penedo Redondo, en Salceda de Caselas, cun investimento total de 240.000 euros. A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe novos recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para o Concello de Salceda de Caselas que recibirá máis de 130.000 euros para poder renovar o campo de fútbol Penedo Redondo e que serán completados con outros preto de 110.000 euros que achegará o concello a través do Plan+Provincia 2025.

O presidente Luis López remarcou que a institución provincial continúa así “avanzando na transformación sen precedentes dos equipamentos deportivos dos concellos de menos de 50.000 habitantes”. Deste xeito, as obras en Salceda de Caselas contemplan a substitución do actual céspede do campo Penedo Redondo por un artificial sintético de última xeración e outras actuacións, como a instalación de canons de rego emerxentes de grande alcance.

O II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado cun orzamento de 8 millóns de euros, o dobre que na primeira edición, permitirá que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia constrúan novas instalacións de uso deportivo, modernicen, remodelen ou melloren as existentes, e adquiran equipamentos, material ou terreos para uso deportivo.