A Deputación de Pontevedra asina un convenio coa Real Federación Galega de Fútbol por valor de 120.000 euros para a Copa Deputación 2024

O presidente provincial, Luis López, remarcou que “tras uns anos de parón contribuímos a que esta proba deportiva, de enorme popularidade entre o fútbol base e de categorías da provincia, regresara este ano”

12/04/2024

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar un convenio de colaboración entre a institución provincial e a Real Federación Galega de Fútbol, por valor de 120.000 euros, para a Copa Deputación 2024. “Tras uns anos de parón –remarcou o presidente provincial, Luis López– contribuímos a que esta proba deportiva, de enorme popularidade entre o fútbol base e de categorías da provincia, regresase este ano”.

López salientou que “a Copa Deputación é un trofeo que reúne centos de deportistas de todos os puntos da provincia e cremos que é unha competición que merece a pena seguir realizando e apoiando. Máxime, se somos o Goberno provincial do deporte”. Deste xeito, recordou que na copa masculina están participando todos os equipos da provincia, adscritos ás delegacións de Pontevedra, Santiago e Vigo, inscritos nas distintas divisións da categoría afeccionados de ámbito autonómico, e, pola súa banda, na feminina os equipos da categoría sénior feminino de ámbito autonómico adscritos ás mesmas delegacións.

En función da categoría na que compitan, os equipos reciben contías que abranguen entre os 300 e os 800 euros, iguais tanto para os equipos masculinos coma para os femininos. Ademais, a Deputación de Pontevedra faise cargo, entre outras cuestións, de sufragar os gastos asociados das arbitraxes e dos premios, tanto da fase previa como das eliminatorias e da final.

audios