A Deputación abre este xoves Santa Clara a un grupo de arquitectos internacionais de primeiro nivel que están a analizar a proxección do patrimonio histórico cara o futuro

A visita, a primeira das guiadas polo persoal da Deputación, está organizada pola Fundación RIA, de David Chipperfield, e o grupo será recibido polo presidente da Deputación Luis López e polo vicepresidente Rafa Domínguez

11/05/2024

Santa Clara

A Deputación de Pontevedra abre este xoves Santa Clara a un grupo de arquitectos internacionais de primeiro nivel que están a analizar a proxección do patrimonio histórico cara o futuro. A visita, organizada pola Fundación RIA de David Chipperfield, está integrada por investigadores liderados pola Escola de Arquitectura de Oslo, Noruega, entre os que se atopan, por exemplo, o exdirector da Royal Academy of Arts de Londres, Charles Saumarez. O grupo será recibido polo presidente da Deputación Luis López e polo vicepresidente Rafa Domínguez.

A Deputación de Pontevedra avanza con esta visita no obxectivo de converter a Pontevedra nun espazo cultural de relevancia internacional. Deste xeito, o grupo está a traballar no proxecto "Provenance Project. Architectura Past and Future in the Era of Circularity", con vixencia ata o 2027, e consideran "un privilexio" coñecer Santa Clara e o proxecto que se vai acometer o Goberno provincial no convento. Deste xeito, na visita participarán preto de 20 persoas de múltiples nacionalidades como algúns membros da Fundación RIA; a presidenta da Rede Europea de Historia da Arquitectura, Mari Lending; profesores universitarios de Escolas de Arquitectura e Arte de Oslo, Hamburgo, Columbia e Manchester como Erik Langdalen, Thomas McQuillan, Amandine Kastler, Alena Rieger, Jørgen Tandberg, Uwe Fleckner, Jorge Otero-Pailos ou Albena Yaneva; o xa mencionado exdirector da Royal Academy of Arts de Londres, Charles Saumarez;  o director de Factum Art e fundador da Factum Foundation for Digital Technology in Conservation, Adam Lowe;  a comisaria xefa na Henie Onstad Kunstsenter, Caroline Ugelstad; o artista e investigador sobre historia da pintura e cultura visual contemporánea, Dag Erik Elgin; a co-promotora do festival  de cine de arquitectura ArchFilmFest de Londres, Charlotte Skene Catling; e os arquitectos doutorandos Nick Walkley e Simon Mitchell.

Visitas guiadas a Santa Clara

A Deputación abrirá o 28 de maio a través da web do Museo de Pontevedra o prazo de inscrición para solicitar praza para as visitas guiadas a Santa Clara, que terán lugar o venres 7 de xuño ás 18:00 horas e os días 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño ás 11:00 horas. O percorrido, guiado por persoal da área de Educación do Museo de Pontevedra e dunha hora de duración, iniciarase na igrexa e, a continuación, visitaranse diversas estancias como o coro baixo, o coro alto e o claustro. Ademais, as visitas tamén permitirán coñecer a zona verde do convento, tanto a horta coma o bosque.

O convento de Santa Clara, a súa finca e o muro están catalogados como ben con protección para a conservación monumental. A súa historia remóntase ao 1271, segundo a ficha do catálogo municipal, aínda que a primeira referencia directa documental do convento é de 1293, un documento que se conserva na Colección Casto Sampedro do Museo de Pontevedra que fai referencia á doazón que se fixo a Tareixa Pérez, monxa de Santa Clara. No século XIV constrúese a Igrexa, de estilo gótico, que conta cun importante conxunto de retablos barrocos.

O xardín é o gran atractivo do patrimonio natural en Santa Clara, un espazo cunha extensión de preto de 12.000 metros cadrados no que crecen grande cantidade de árbores froiteiras. Ademais tamén conta cunha horta na que as monxas cultivaban e producían diferentes produtos, entre os que destacan as vides para a produción de viño.