Luis López destaca o investimento de 2,75 millóns para poñer en marcha o novo Centro Operativo da Deputación, “unha obra que permitirá que outras sexan realidade

O presidente provincial, xunto cos deputados Isabel Couselo e Javier Tourís, inaugura no polígono de Barro a nova base dos servizos de Infraestruturas e do Parque Móbil

08/07/2024

Inauguración do parque de maquinaria en Barro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inaugurou este luns no polígono industrial de Barro o novo parque de maquinaria do organismo provincial, un centro operativo que acolle aos traballadores do Parque Móbil, do servizo de Infraestruturas e a todo o aparello loxístico da institución. Acompañado polos deputados responsables de Infraestruturas, Isabel Couselo; de Equipamentos Públicos, Javier Tourís; do alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes; e dos xefes de servizo de Infraestruturas, Arquitectura, Parque de Maquinaria e Parque Móbil; o mandatario provincial percorreu as as novas instalacións. “Este centro operativo é unha obra que permitirá que outras obras sexan realidade”, destacou o presidente Luis López sobre un proxecto no que a Deputación investiu máis de 2,75 millóns de euros.

Este novo equipamento está construído nunha parcela de 8.700 metros cadrados do parque empresarial que a Deputación ten en Barro. Trátase dun edificio de dúas plantas para uso administrativo dotado de espazos polivalentes, vestiarios e oficinas, así como unha nave destinada a taller xeral para reparacións e mantemento e tamén un almacén central, boxes de lavado e aparcamento. “Merecían ter unha nova base moderna, ampliada e renovada”, afirmou López dando os parabéns a todos os departamentos implicados nesta obra. Por outro lado, este proxecto ten unha segunda vertente que xa fora inaugurada no pasado mes de abril. É a zona verde creada na contorna da Xunqueira de Alba, en Pontevedra, onde a Deputación destinou máis de 1,5 millóns de euros para demoler o vello parque de maquinaria e renaturalizar a parcela. “Un novo pulmón verde logrado grazas ao traslado do antigo Parque de Maquinaria da Deputación. O que empezou ben na Xunqueira de Alba acaba extraordinariamente ben en Barro”, resumiu o presidente.

Neste sentido, Luis López puxo en valor o motor económico que supón para a provincia a toda a actividade que se está a realizar desde este polígono de Barro. Unha infraestrutura na que a Deputación ten un viveiro de empresas que acolle a novidosa Oficina de Transformación Comunitaria posta en marcha polo goberno provincial, un espazo no que se asentan algunhas das empresas máis importantes da provincia e que, desde este luns, conta cun moderno Centro Operativo da Deputación. “Estamos contribuíndo a ter unha provincia máis robusta e mellor preparada para o futuro”, salientou López.

Despois dunha semana na que o executivo provincial conmemorou o seu primeiro aniversario de goberno, un ano no que se comprometeron 90 millóns para obras e se impulsaron máis de 440 actuacións, o presidente Luis López destacou o que hai detrás destas cifras: “Hai xestión, hai pericia técnica, hai esforzo, hai superación ante as dificultades, aquí houbo varias; e tamén hai equipamentos”, concluíu o presidente da Deputación.

 

Galerias de imaxes

videos