A Deputación colabora co Club de Piragüismo Illa de Arousa para impulsar un programa de fomento do deporte e a alimentación saudable en centros educativos de Vilanova e A Illa
O programa comprende dúas xornadas de actividade durante este curso nos colexios Xulio Camba, San Miguel e Torre-Illa, con degustación de froita gratis para todos os participantes
09/05/2024
A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia colaboran co Club de Piragüismo Illa de Arousa no impulso dun programa de fomento do deporte e a alimentación saudable en centros educativos de Vilanova e A Illa de Arousa. Os deputados provinciais Javier Tourís e Isabel Couselo, reuníronse cos responsables do club para analizar este programa que se desenvolve este curso e ten por obxectivos loitar contra a inactividade física e o sedentarismo entre os escolares.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra pretende promover entre os escolares hábitos de vida activa, que ademais do deporte comprendan tamén a introdución de alimentos saudables nas súa dieta diaria. Deste xeito, o programa abrangue dúas xornadas de actividade nos colexios Xulio Camba, San Miguel e Torre-Illa, nos concellos de Vilanova e A Illa de Arousa, con degustacións gratuítas de froita para os escolares participantes.
A comezos do mes de marzo o deputado provincial Javier Tourís comprometeuse cos responsables do Club de Piragüismo da Illa de Arousa a colaborar no fomento do deporte en idade escolar. Deste xeito, froito desta xuntanza e no marco da firme aposta do Goberno provincial polo deporte, a Deputación de Pontevedra únese á Xunta de Galicia para colaborar co Club na posta en marcha desta iniciativa coa que se van espallar hábitos saudables entre os escolares de Vilanova e A Illa de Arousa.