Luis López anuncia un investimento de 1,5 millóns de euros en tres anos no castelo de Sobroso para realzar unha xoia patrimonial e un atractivo turístico de primeira

O presidente provincial, acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, detallou o contido dun plan que contempla a renaturalización da contorna, o deseño de novas rutas de sendeirismo, a recuperación do auditorio ou a organización dun gran evento anual

27/03/2024

1,5 millóns de euros en tres anos no castelo de Sobroso

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este mércores o novo Plan director do parque do castelo de Sobroso, unha folla de ruta que recolle o investimento por parte do Goberno provincial de 1,5 millóns de euros ao longo dos tres vindeiros anos co obxectivo de enriquecer a experiencia das persoas que nos visitan, mellorar e ampliar os servizos e consolidar o castelo de Sobroso e a súa contorna natural coma un dos grandes atractivos turísticos da provincia. “Unha nova mostra da aposta desta Deputación pola consolidación dun destino turístico sostible e desestacionalizado, do coidado do noso patrimonio cultural e histórico e do compromiso cos concellos mobilizando fondos para atraer visitantes”, explicou o mandatario provincial o que supón a aprobación deste novo plan e este investimento millonario para o Concello de Mondariz, a comarca do Condado e o conxunto da provincia.

Despois de poñer en valor o traballo das persoas do Servizo de Turismo Rías Baixas e da deputada responsable desta área, Nava Castro, quen tamén estivo presente na presentación deste plan, o presidente da Deputación detallou polo miúdo algunhas das melloras que recolle o documento, que contou coa achega de profesionais e colectivos relacionados co castelo para a súa elaboración. “É un proxecto que potenciará os atractivos turísticos desta fortaleza adaptándoa aos novos tempos e un plan de turismo sostible, desestacionalizado e que potencia os tesouros do interior da nosa provincia”, sinalou o dirixente.

Por un lado, haberá unha intervención para renaturalizar e reordenar a contorna natural do castelo con especies autóctonas ao deseñar zonas diferenciadas, accesibles, sinalizadas e cunha iluminación adaptada que están destinadas a especies botánicas, a ocio familiar, a actividades e obradoiros, e á fauna propia deste lugar. Por outro lado, potenciaranse e deseñaranse catro novas rutas de sendeirismo encamiñadas a poñer en valor o patrimonio arqueolóxico, inmaterial, cultural e histórico de Sobroso. Do mesmo xeito, porase en marcha unha aula de natureza para recibir excursións escolares e de turistas da man de persoal educador ambiental que divulgará a riqueza natural deste enclave.

Organización dun grande evento anual

Un dos grandes atractivos deste plan pasa pola creación dun espazo para espectáculos e actividades culturais a través da recuperación do auditorio e do escenario existentes para organizar concertos musicais, teatro, danza, recitais de poesía, teatro de monicreques, espectáculos de circo ou cine ao aire libre. Neste punto, encaixa tamén o obxectivo de organizar un grande evento anual ligado á cultura.

Do mesmo xeito, está prevista a execución doutras accións coma a mellora do museo do interior do castelo ou o deseño dun plan de comunicación para divulgar entre a poboación local e os turistas o seu valor histórico cultural e natural.

100 % Rías Baixas tamén por Semana Santa

“O castelo de Sobroso é especial porque é un vestixio da nosa historia e do Reino de Galicia, porque ten unha riqueza paisaxística e natural sen igual e porque está no interior da provincia para recordarnos que temos unha provincia chea de tesouros que paga a pena descubrir”, destacou Luis López antes de situar este castelo e o seu parque como unha referencia para un turismo desestacionalizado e unha alternativa interesante ás propostas de sol e praia. “Aínda que chova coma hoxe, aínda que non sexa verán, aínda que non vaiamos á praia, sempre hai unha experiencia 100 % Rías Baixas para desfrutar”, asegurou o presidente da Deputación, quen animou a visitar a provincia nesta Semana Santa para gozar do termalismo no balneario de Mondariz, da cultura e da natureza no parque do castelo de Sobroso ou das procesións de Semana Santa de concellos próximos coma os de Baiona ou A Guarda.

Galerias de imaxes