#ADEPUTACIÓNDEPONTEVEDRA
A institución
A Deputación de Pontevedra créase a partir do Real decreto de 21 de setembro de 1835, e na acta do 12 de febreiro de 1836 consta o seu nacemento como Administración á que lle corresponde o goberno, administración e prosperidade da provincia.
Pontevedra, aínda sendo a menor das catro provincias galegas, conta coa maior poboación relativa de toda Galicia, repartida entre os 61 concellos que a forman.
Desde 1836 a Deputación centra a súa actividade principalmente en tres accións: administrativa, económica e técnica, todas e cada unha delas necesarias para que a institución acade o bo goberno económico e político da provincia. A súa base electoral radica nos trece partidos xudiciais que, á súa vez, se agrupan en sete xuntas electorais.
Funcións da Deputación, artigo 31 da LBRL:
- A provincia é unha Entidade local determinada pola agrupación de municipios, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.
- Son fins propios e específicos da provincia garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipais, no marco da política económica e social e, en particular:
- Asegurar a prestación integral e adecuada na totalidade do territorio provincial dos servizos de competencia municipal
- Participar na coordinación da Administración local coa da comunidade autónoma e a do Estado
- O goberno e a administración autónoma da provincia correspóndenlle a Deputación ou outras corporacións de carácter representativo.
A Deputación é unha institución que ten como función principal asesorar aos concellos pequenos e con menos recursos, pero tamén se lles ofrecen servizos directos ós cidadáns e ás empresas.
Das funcións exercidas nun principio en sanidade, beneficencia e educación foise pasando a outras coma fomentar as novas tecnoloxías ou impulsar as políticas ambientais e mantendo, paralelamente ao longo dos anos, a asistencia xurídica, técnica e social ás entidades locais da provincia.