A Deputación vende por un millón de euros tres novas parcelas no polígono de Barro, que conta xa cunha ocupación do 78 %

Lago Aves, Huevos y Caza S. A. ocupará as tres parcelas. Con esta xa son 25 as empresas presentes no polígono industrial

16/02/2024

Xunta de Goberno 16-02-2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a venda de tres novas parcelas no polígono de Barro, que ocupará Lago Aves, Huevos y Caza S. A., grazas á cal o parque empresarial suma xa un 78 % de ocupación. O presidente provincial, Luis López, destacou que con esta venda, que supera o millón de euros (1.012.575 €), o polígono “é, aínda máis, un pulmón de emprego e actividade para toda a provincia, e especialmente para a contorna de Pontevedra, que necesita apoio e consideración cara aos emprendedores”.

Trátanse de tres parcelas, cunha superficie total de 8.453 metros cadrados, nas que Lago Aves, Huevos y Caza S. A. instalará unha nova planta de elaborados cárnicos. Esta empresa pontevedresa, con sede en Campañó, ten unha facturación anual de máis de vinte millóns de euros e dedícase á elaboración de todo tipo de produtos cárnicos.

Con esta empresa xa son 25 as que están presentes no polígono de Barro, que ten 61 parcelas ocupadas e 15 libres, cunha superficie total de 57.945 metros cadrados dos 264.576 cos que conta de superficie para actividade empresarial. Algunhas das empresas presentes neste polígono son Froiz, Hijos de Rivera, Mafari, Frutas Moncho, Mariscos Alumar ou Transfrío, entre outras. Ademais, a Deputación instalou en Barro o viveiro de empresas, o Centro de Apoio Empresarial e o novo Parque de Maquinaria.