O goberno de Luis López mobiliza no seu primeiro ano de mandato máis de 60 millóns de euros para manter en condicións axeitadas as vías provinciais
Impulsouse un novo contrato para a conservación integral da rede viaria da Deputación de Pontevedra que ascende a 40 millóns de euros e adxudicouse o novo acordo marco de conservación de firmes das estradas provinciais por valor de máis de 4 millóns de euros
08/07/2024
O goberno de Luis López mobilizou no seu primeiro ano de mandato máis de 60 millóns de euros para conservar as vías provinciais. Neste eido, impulsouse un novo contrato para a conservación integral da rede viaria da Deputación de Pontevedra e adxudicouse o novo acordo marco de conservación de firmes das estradas provinciais. Tamén se tramitaron expedientes para melloras da mobilidade, estanse a impulsar novos convenios e proxectos cos concellos e retomáronse iniciativas que quedaran paralizadas no 2015 como as actuacións en estradas de Vilanova e Moraña. Ademais, o municipalismo do goberno de Luis López traduciuse nas máis de 40 reunións da deputada de Infraestruturas Isabel Couselo cos alcaldes da provincia para coñecer as necesidades e prioridades dos concellos no eido das estradas provinciais.
Neste primeiro ano de mandato adxudicouse o novo acordo marco de conservación de firmes na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a máis de 4 millóns de euros, e impulsouse un novo contrato para a conservación integral da rede provincial que ascende a preto de 40 millóns de euros. Neste último caso, trátase dun ambicioso contrato que supón 4 millóns de euros máis de financiamento que o que tiña previsto investir o anterior goberno, e está adaptado ás necesidades reais das estradas provinciais, conseguindo maiores prestacións e contemplando o novo escenario que abrangue dende a actualización do convenio laboral en vigor, ata o incremento dos prezos nas unidades de obra ou a incorporación dos medios humanos básicos que, ata a data, estaban sen cuantificar.
Por outra banda tramitáronse expedientes por valor de máis de 4 millóns de euros como os da mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido (Pontevedra), dotado con máis de 1,7 millóns de euros; mellora da mobilidade peonil no treito antigo da EP-5201 Arbo-Cabeiras-Barcelas, na contorna da igrexa de san Sebastián de Cabeiras (Arbo), cun investimento de máis de 410.000 euros; urbanización da rúa Condesa e áreas de estacionamento en Barrantes (Ribadumia ), dotado con máis de 700.000 euros; a mellora da mobilidade peonil na EP-2801 Fornelos-Estacas, cun importe de máis de 230.000 euros ou, entre outros, o ensanche e mellora da seguranza viaria na EP-0405 A Xesteira-Almofrei (Cerdedo-Cotobade) de preto dun millón de euros.
Tamén se impulsaron proxectos como a actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible na EP-1203 O Campo-Pardavila (Marín), que ascende a preto de 1,2 millóns de euros, ou o ensanche e mellora da seguranza viaria na EP-2702 Amoedo-Os Valos que, cun orzamento de preto de 1 millón de euros, está pendente de que o concello remita o convenio aprobado. E retomáronse proxectos que quedaran paralizados no 2015 como a mellora da mobilidade peonil na EP-9701 Baión-András (Vilanova), na que se investirá preto dun millón de euros e que conta xa co convenio aprobado por parte do Concello, ou o ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-0503 Mane-Rebón (Moraña), tamén cun orzamento de preto dun millón de euros.
Ademais estanse a redactar novos proxectos e está previsto impulsar por valor de preto de 5 millóns de euros actuacións de conservación e mellora da seguridade viaria en estradas provinciais, así como destinaranse outros 8 millóns de euros para melloras nestas vías a través de convenios cos concellos. Tamén se está a traballar xa nunha guía de actuacións en estradas provinciais co obxectivo de trazar un plan de actuacións, a redactar un plan de puntos de encontro en contornas das estradas provinciais para promover a vida social nos núcleos rurais, así como un programa de modernización das estradas provinciais.