Últimos días para visitar na sede da Deputación en Vigo a exposición colectiva “Un pequeno xardín”

A mostra multidisciplinar, comisariada por Marta Fortes, inclúe obras de cinco artistas vencelladas á Facultade de Belas Artes do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo

02/01/2024

A sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo acolle ata o mércores 10 de xaneiro a exposición colectiva “Un pequeno xardín. A metáfora dun mundo imaxinado”. A mostra multidisciplinar, comisariada por Marta Fortes, inclúe obras de debuxo, pintura, tecidos e escultura de cinco artistas vinculadas á Facultade de Belas Artes do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo: Maritza Berttolini, Nuria Figueiredo, Marta Fortes, Luján Grassí e Brenda Novas.

Na exposición a visión das artistas busca achegarlles ás e aos espectadores as paisaxes baseadas en xardíns que son o reflexo das súas personalidades. O conxunto das obras crea un diálogo arredor de dous puntos que todas teñen en común: a natureza como inquedanza e unha forma de traballar semellante. Aínda que as súas modalidades de expresión son distintas, todas as artistas traballan mimando os pequenos detalles. As obras que se poderán ver nesta mostra son, en xeral, de pequeno formato, que procuran unha ollada pausada e próxima.

En canto ás artistas desta exposición colectiva, Brenda Novas (Vigo, 1981) é deseñadora e ilustradora. Estudou Belas Artes na Universidade de Vigo, máis tarde especializouse en Deseño Gráfico no Instituto Europeo de Deseño de Madrid e viviu en México, onde compaxinou o seu interese polo deseño cos téxtiles tradicionais mexicanos e, de volta a Galicia, deulle forma ao seu proxecto de mundos florais extravagantes. Pola súa banda, María Luján Grassí (Bos Aires, 1977) cursou estudos de Deseño de Indumentaria Téxtil na Universidade de Bos Aires, onde se especializou en Debuxo e Deseño. En 2006 instalouse en Vigo e dez anos despois comezou a desenvolver a súa faceta como ilustradora.

Maritza Berttolini (Tabasco, México, 1996) é unha artista centrada en transformar as súas ilustracións ao téxtil, coma o bordado e o tapiz, xogando coas texturas visuais e tridimensionais. Tras estudar Artes Plásticas no Universitario Bauhaus, en Puebla, a súa obra formou parte de exposicións colectivas e individuais en México e en diferentes puntos de Galicia. No que respecta a Nuria Figueiredo (Ourense, 1986), licenciada en Belas Artes pola Universidade do País Vasco, ten o seu propio laboratorio de cerámica en Pontevedra, Casa Chamota, e tamén forma parte da Comisión de Artes Plásticas do Liceo Mutante. No ano 2020 gañou o concurso Novos Valores e estivo seleccionada en dúas edicións na Bienal Internacional de Cerámica de Aveiro.

Finalmente, Marta Fortes (Pontevedra, 1980), comisaria da exposición, é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Gozou dunha bolsa Leonardo en Berlín no obradoiro do escultor José Noguero. Ten un máster en Arte Contemporánea na Universidade de Vigo e obtivo a bolsa de pintura José Fernández López no concurso Novos Valores. Recibiu, entre outros, o premio do V Certame de Artes Plásticas da Sala El Brocense, o de Pintura da Universidade de Vigo ou o do Público na XIX Bienal Internacional de Vila Nova de Cerveira en Portugal.