A Deputación analiza este xoves en Baiona “A relevancia dos datos no sector turístico” na súa sexta xornada TurisTic

O encontro terá lugar de 10:30 a 14:15 horas no Parador de Baiona e congregará a expertos no emprego das tecnoloxías da información e da comunicación nas empresas turísticas

14/05/2024

TURISTIC 2024

A Deputación de Pontevedra analiza este xoves en Baiona “A relevancia dos datos no sector turístico” na súa sexta xornada de TurisTIC de SmartPeme. O encontro terá lugar de 10:30 a 14:15 horas no Parador de Baiona e congregará a expertos no emprego das tecnoloxías da información e da comunicación nas empresas turísticas. En concreto afondarase na relevancia dos datos no sector e como a súa xestión eficiente e unha sólida gobernanza son fundamentais para mellorar a xestión turística, conseguindo promover a transparencia e unha industria máis responsable e sostible.

A xornada comezará ás 10:30 horas coa apertura institucional a cargo do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, a deputada de Turismo, Nava Castro, e o alcalde de Baiona e tamén deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña. A continuación terán lugar dúas mesas redondas nas que se analizará “Como as administracións públicas poden aproveitar o emprego dos datos” e “Como axuda a xestión eficiente de datos ao sector turístico”.

A xornada TurisTIC naceu no 2018 coa vontade de crear un evento no que poder analizar e informar sobre as oportunidade que proporciona o emprego das novas tecnoloxías nas empresas turísticas. Esta ano terá lugar en formato mixto, é dicir, de maneira presencial no Parador de Baiona e tamén a través da retransmisión telemática a través da canle de Youtube da Deputación de Pontevedra, e celebra a súa sexta edición convertida xa nun encontro de referencia para o sector turístico da provincia.