A Deputación supervisa os traballos que está a desenvolver para a conservación e mellora do firme na EP-6506 Breixa-Manduas en Silleda

A deputada provincial Isabel Couselo recorreu os tramos desta estrada na que se está a investir máis de 120.000 euros para renovar o pavimento e mellorar a plataforma

20/09/2024

Isabel Couselo supervisando a estrada provincial Breixa-Manduas en Silleda

A Deputación de Pontevedra está a executar os traballos de conservación e mellora do firme na estrada provincial EP-6506 Breixa-Manduas en Silleda. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, recorreu os tramos que abranguen unha lonxitude de máis de 1.400 metros nos que se está a realizar a actuación, enmarcada no acordo marco de conservación de firmes na rede viaria da Deputación que ascende a 4,5 millóns de euros.

Segundo destacou Couselo, as obras de conservación e mellora de firme que se están a realizar nesta estrada ao seu paso por Silleda ascenden a máis de 120.000 euros e teñen por obxectivo manter a capacidade portante do firme, coa renovación da capa de rodadura con aglomerado en quente e tamén da drenaxe para mellorar a seguridade viaria. A actuación comprende preto do 41% da lonxitude da estrada provincial EP-6506 Breixa-Manduas e abrangue unha superficie de 10.000 metros cadrados.

Isabel Couselo lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de conservación de firmes que ascende a 4,5 millóns de euros e que, no que respecta á zona na que se sitúa a Silleda, o lote 2, supón un investimento de preto dun millón de euros.  Ata o momento, e no marco do lote 2, asfaltáronse diversos tramos das estradas provinciais EP-7005 Aguións-Santeles-Santa Cristina (A Estrada), EP-7006 Sol-Pardemarín (A Estrada), EP-7010 Foxo-Riobó (A Estrada), EP-7011 Pena do Foxo-Olives (A Estrada), EP-7013 Orosa-Orazo (A Estrada), EP-7025 Arca-Nigoi (A Estrada), EP-7104 Cerdedo-Santo Domingo (Cerdedo-Cotobade) e na EP-7106 Folgoso-Forcarei (Cerdedo-Cotobade).  Unha vez rematados os traballos de asfaltado realizarase a reposición da sinalización horizontal.