A Deputación pon en marcha no Museo de Pontevedra o segundo curso de audicións comentadas ‘Olladas musicais’
A profesora Sara Domínguez Lloria dedicará cada mércores entre o 15 de xaneiro e o 26 de febreiro a unha composición clásica de autores como Vivaldi, Dvořák, Grieg ou Berlioz
12/01/2025
O Museo de Pontevedra pon en marcha a próxima semana a segunda edición do curso ‘Olladas musicais: audicións comentadas’. Ao longo de seis sesións, os mércores 15 e 22 de xaneiro e 5, 12, 19 e 26 de febreiro, escoitaranse e comentaranse composicións emblemáticas da historia da música que servirán como base para proporcionar un espazo de encontro cultural no que explorar, aprender e gozar da música clásica.
O curso será impartido pola profesora Sara Domínguez Lloria, os mércores de 19:00 a 20:30 h, no auditorio do Edificio Castelao. O acceso a cada sesión é libre. Ademais, entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal e asistan como mínimo ao 70% das sesións.
O obxectivo principal desta iniciativa é promover o aprecio e a comprensión da música clásica entre o público adulto. Para iso, cada sesión centrarase nunha composición e desenvolverase seguindo un esquema similar: primeiro farase unha introdución á obra para logo realizar unha escoita de fragmentos representativos e a análise dos temas musicais. Abordaranse tamén historias e curiosidades, influencias diversas ou o contexto histórico, segundo o caso, e tamén a relevancia e legado da obra.
A sesión inaugural, o 15 de xaneiro, explora o diálogo entre dous xenios separados por séculos e culturas: o compositor veneciano do Barroco Antonio Vivaldi e o renovador do tango arxentino no século XX, Astor Piazzolla. O seguinte mércores centrarase na ‘Sinfonía do Novo Mundo’ de Antonin Dvořák e a súa combinación entre o lirismo do Romanticismo europeo e as influencias musicais do folclore americano.
A terceira sesión terá lugar xa en febreiro, o día 5, con ‘Peer Gynt’ como tema. Este drama con texto de Henrik Ibsen e música de Edvard Grieg é unha obra profundamente vinculada á identidade cultural noruega, cuxa música transcende o teatro. O mércores 12, Domínguez Lloria falará de ‘Os planetas’ de Gustav Holst, unha das suites orquestrais máis icónicas do século XX, unha viaxe sonora que combina emoción, misterio e épica.
A quinta sesión estará dedicada á ‘Sinfonía fantástica’, na que Hector Berlioz utiliza a música para contar unha historia cargada de ironía, obsesión e comedia negra. A última cita de Olladas musicais será o mércores 26 de febreiro, explorando composicións emblemáticas que incorporan a enerxía, o ritmo e a estrutura da danza, da autoría de Holst, Grieg, Bartók e Dvořák.
O curso será impartido por Sara Domínguez Lloria, que foi tamén a encargada da primeira edición, realizada a primavera pasada. Domínguez Lloria é licenciada en Música con especialidade en Piano, doutora en Educación pola Universidade de Vigo e cun mestrado en Teatro e Artes escénicas e outro en Dirección e xestión de centros educativos. Foi directora da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela e profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2021 é profesora na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, no departamento de didáctica especial da área de didáctica da expresión musical.
Programa completo
- 15 de xaneiro. Paisaxes sonoras de Vivaldi a Piazzolla: un percorrido polas súas Catro estacións
- 22 de xaneiro. Eco de dous mundos: Dvořák e a Sinfonía do Novo Mundo
- 5 de febreiro. Peer Gynt: a unión de drama e música na visión de Ibsen e Grieg
- 12 de febreiro. Música e mitoloxía: Os planetas de Gustav Holt
- 19 de febreiro. Unha viaxe musical entre o amor, os soños e a obsesión: a Sinfonía fantástica de Berlioz
- 26 de febreiro. Paisaxes danzantes: da tradición á innovación na música orquestral