Luis López anuncia a posta en marcha da segunda edición do programa Vive o Rural, dotado con 60.000 euros

“Reforzamos este programa de cara ao 2025, aumentando ata o dobre o orzamento tralo éxito do pasado ano, cando se esgotou o crédito en cuestións de horas”, explicou o presidente provincial

05/12/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe a posta en marcha da segunda edición do programa Vive o Rural, dotado con 60.000 euros e que permitirá que estudantes de centros escolares públicos de concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poidan facer saídas educativas a granxas escolas. “Un programa que inauguramos este ano e que, tralo éxito que supuxo e a grande acollida entre os centros escolares, reforzamos de cara ao 2025, aumentando ata o dobre o orzamento”, asegurou López. De feito, o presidente provincial lembrou que na primeira edición o crédito se esgotou en cuestión de horas: “Recibimos solicitudes de 44 centros e ANPAS de 21 concellos da provincia, e foron preto de 1.500 os nenos e nenas de 25 escolas os que desfrutaron das saídas”.

Vive o Rural está enfocado a centros públicos de Infantil, Primaria e ESO e ANPAs de concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Cada un deles poderá recibir un máximo de 1.250 euros ou 25 euros por alumno, ata un máximo de 50 por centro. Esta achega permitirá financiar o custo da entrada ás granxas escola para o desenvolvemento dunha saída ambiental dun día e os gastos de desprazamento en transporte colectivo de ida e volta. As visitas poderán realizarse en calquera das granxas escola da provincia (Serantellos, en Cambados; Fervenzaventura, en Silleda; Kiriko, en Fornelos de Montes; Corazón de Carballo, en Tomiño, ou Río Mouro, en Poio) e consistirán en pasar un día realizando distintas actividades de toma de contacto cos animais, labores da horta, obradoiros educativos, xogos ou calquera outra actividades de natureza análoga. 

O prazo para solicitar as axudas, cuxas bases se publicarán o vindeiro xoves 12 de decembro no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, comezará o 13 de xaneiro e rematará o 7 de febreiro de 2025. Nesta ocasión, terán  prioridade os centros educativos e ANPAs que non foron beneficiarios da axuda na anterior edición do programa, mentres que o resto de solicitudes tramitaranse por orde de entrada.

Vive o rural ten como finalidade ofrecerlles ás rapazas e rapaces a oportunidade de realizar actividades alternativas e de calidade para o seu lecer e tempo libre, así como para coñecer e descubrir lugares da súa contorna xeográfica, achegarse á realidade das actividades agrícolas e gandeiras, e adquirir coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos presentes na contorna, a vida dos animais que nela habitan, o coidado do medio natural e a valorización do sector primario, poñendo sempre en valor o mantemento da biodiversidade do territorio e da paisaxe e da tradición agraria como elemento de identidade da cultura da provincia de Pontevedra.