A Deputación reabre este xoves o punto de información turística do Mosteiro de Armenteira, en Meis

Os deputados provinciais Javier Tourís e Nava Castro visitaron a ‘Catedral do Salnés’ para anunciar o acordo ao que chegou a Deputación coa Arquidiocese de Santiago de Compostela

30/07/2024

Reapertura do punto de información turística de Armenteira

Os deputados provinciais Javier Tourís e Nava Castro anunciaron este martes no Mosteiro da Armenteira, en Meis, a inminente reapertura do punto de información turística que a Deputación de Pontevedra viña prestando nun dos emblemas turísticos da comarca do Salnés. Isto é posible despois de que a institución provincial subscribise un convenio coa Arquidiocese de Santiago de Compostela e mais coa Comunidade de Irmás Cistercienses do Mosteiro de Santa María de Armenteira, polo que se lle cede á Deputación un espazo de 12 m2 para a prestación deste servizo desde este mesmo xoves, 1 de agosto, ata o próximo 30 de setembro.

Desde xeito, a Deputación garante a prestación do servizo tanto para peregrinos como para o público xeral durante o período de maior afluencia de visitantes, co fin tanto de atender as demandas de información como para a realización de visitas guiadas á coñecida como a 'Catedral do Salnés'. Ademais desta medida temporal, a institución provincial xa está a traballar actualmente tamén nunha solución a longo prazo, para o que se asinará un novo convenio no que ademais da Arquidiocese tamén estará involucrado o Concello de Meis.

Deste xeito, a partir do 1 de agosto o horario de atención do punto de información turística da Deputación no Mosteiro da Armenteira será o seguinte: de mércores a sábado de 10:30 a 13:30 en quenda de mañá e de 16:30 a 20:00 horas en quenda de tarde, e os domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.

Galerias de imaxes