Rafa Domínguez recibe na praza da Peregrina o “artista francés da luz” Patrice Warrener, un dos participantes da Bienal de Arte
Na súa visita, coñeceu esta praza pontevedresa na que está previsto que a súa obra sexa protagonista durante a Bienal
30/08/2024
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez acaba de recibir na Praza da Peregrina o “artista francés da luz” Patrice Warrener e confirmou que será un dos participantes da recuperada Bienal de Arte. Na súa visita, o artista percorreu da man de Domínguez este espazo público no que está previsto que a cidadanía poida gozar da súa obra durante a Bienal.
A XXXIII Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa despois de 15 anos e terá lugar na Boa Vila entre o 15 de xuño e 30 de setembro de 2025, “situará –asegurou o vicepresidente provincial– a cidade do Lérez no epicentro internacional da arte contemporánea e será tamén un importante revulsivo económico para toda a provincia”. Deste xeito, baixo o título “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais” a Bienal atraerá artistas destacados como Francesc Torres, Farida El-Gazzar e Patrice Warrener, que esta semana foron confirmados por Rafa Domínguez, e outros moitos de relevancia internacional, promovendo o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando a cidade no evento, fomentando a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.
Patrice Warrener é un artista coñecido internacionalmente polo seu sistema de iluminación policromática “chromolithe”. Ten realizado ao longo dos últimos quince anos máis de 60 instalacións lumínicas por todo o mundo, enchendo de luz elementos tan característicos do patrimonio mundial como a Abadía de Westminster, a fachada de San Jerónimo de Madrid, a catedral de Saint Jean de Lyon ou coa súa intervención sobre Notre Dame. O traballo de Warrener ten influído no crecente número de Festivais da Luz que se desenvolven en cidades e ten colaborado co músico inglés Tim Blake.