Rafa Domínguez inaugura no Museo de Pontevedra ‘Pinturas negras’, trece visións contemporáneas sobre a cor da escuridade
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, inaugurou esta tarde unha exposición que se pode visitar no Edificio Castelao ata o próximo 6 de abril
21/02/2025
O vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, inaugurou esta tarde no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a exposición ‘Pinturas negras’, que se poderá visitar ata o 6 de abril. Trátase dunha mostra en colaboración coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, na que se amosan obras de trece artistas que exercen a docencia ou se graduaron neste centro universitario. Comisariada por Ignacio Pérez Jofre e Sandra MG, a exposición explora todas as posibilidades formais e simbólicas da cor negra.
Domínguez remarcou que se trata dunha mostra de “grande calidade artística” na que se dan cita Acacia Ojea, Alejandra Pardo, Araceli Liste, Erik Balbuena, Fernando Casás, Fruela Alonso, Juan Loeck, Juan Rivas, Julia Huete, Lúa Gándara, Miguel Teixeira, Mónica Cabo e Sol Mussa, artistas de varias xeracións, que naceron entre 1946 e 1998, e que presentan pezas de xéneros moi diversos, que van do debuxo e a pintura á arte sonora, pasando polas instalacións e a escultura, e están unidos polo protagonismo material ou conceptual da cor negra.
Por estes motivos o vicepresidente da Deputación convidou a “todos os pontevedreses a achegarse ao Edificio Castelao do Museo de Pontevedra antes do 6 de abril para descubrir esta mostra única que explora as múltiples facetas e simbolismos da cor negra na arte contemporánea”. Ademais enxalzou a “estreita colaboración” coa Facultade de Belas Artes nesta mostra que “permite que artistas emerxentes e consolidados expoñan as súas obras nun espazo de referencia como este”. Ao respecto, animou á cidadanía a acercarse ao Museo de Pontevedra e gozar tanto das exposicións permanentes como das temporais, ou da programación deseñada con motivo do Ano Castelao.
Pola súa parte, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, situou esta exposición na estela das que se foron sucedendo nos últimos anos como resultado da colaboración do Museo coa Facultade de Belas Artes: ‘De mestras e mestrados’, ‘Campo de sementes 1”, “Campo de sementes 2’ e ‘Pregar a pintura’. “Todas elas nos serviron para achegarnos ás propostas artísticas vivas da comunidade que gravita arredor de Belas Artes, a do profesorado que alí ensina e as persoas que se graduaron nos últimos anos e van definindo algúns dos camiños polos que transita a arte actual en Galicia”, indicou.
‘Pinturas negras’ mostra obras de diversas disciplinas nas que a cor negra é protagonista. Tomando como referencia a serie de Goya, preténdese aludir ás diversas posibilidades formais e simbólicas do negro, entendido como negación da cor, como orixe ou final da pintura, como escuridade, como materia opaca, como noite, como raza, como cegueira, como abismo, como espazo infinito, como morte.
Tamén se intenta sinalar o vínculo destes traballos coa escuridade de certa pintura española; non no sentido de que repliquen esquemas formais ou técnicas tradicionais, senón da súa capacidade para conectar ou dialogar cunha cultura do dramático e do expresivo: a escuridade de Ribera, Goya, Lucas Velázquez, Solana, María Blanchard, Ángeles Santos, Maruja Mallo; de Manolo Millares, Antonio Saura, Amalia Avia, Lucio Muñoz, Laxeiro; de Nati Bermejo, Enrique Marty, Marina Núñez, Abigail Lazkoz. Igual que na contemporaneidade os límites entre xéneros artísticos disólvense, estas pinturas negras, feitas con medios diferentes, fúndense no espazo expositivo.
Esta exposición amosa o traballo de artistas con vínculos coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, tanto por ser docentes coma por graduarse neste centro. Tamén o equipo comisarial mantén estes lazos: Sandra MG é graduada e na actualidade está preparando a súa tese de doutoramento nesta facultade, onde Ignacio Pérez-Jofre é, desde hai trinta anos, profesor. Esta edición aposta polas novas xeracións e inclúe o traballo dun número significativamente maior de artistas graduadas.