Rafa Domínguez enxalza a reinterpretación das obras do Museo de Pontevedra realizada por Mónica Alonso en “A pel do Museo”, a exposición coa que se abre o novo proxecto “Infiltracións”

Mañá inaugúrase esta mostra “coa que a artista luguesa establece diálogos entre a colección permanente do Museo e a arte contemporánea a través da exploración da riqueza de cores da pel en personaxes de quince obras de arte galega do Edificio Castelao”

09/05/2024

Rafa Domínguez no Museo

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, enxalzou a fascinación polas cores da pel e a reinterpretación das obras do Museo de Pontevedra realizada por Mónica Alonso en “A pel do museo” durante o acto de presentación da exposición.  A artista nada na Fonsagrada en 1970 abre o ciclo de exposicións ‘Infiltracións’, coordinado por Martínez Antelo, explorando a riqueza de tonalidades que presenta o corpo de quince obras de arte galega presentes na colección permanente do Museo de Pontevedra. A mostra, que se expande polas tres plantas do Edificio Castelao, inaugúrase mañá venres ás 19:30 h, e permanecerá aberta ata o próximo 15 de setembro.

Domínguez puxo en valor “a capacidade de diálogo de Mónica Alonso, que foi quen de relacionar a colección permanente do Museo e a arte contemporánea a través da exploración da riqueza de cores da pel en personaxes de quince obras de arte galega do Edificio Castelao”.  “A súa visión da textura, da cor das peles, é marabillosa –engadiu o vicepresidente- e permite que vexamos o conxunto de obras do Museo de Pontevedra desde outra óptica”. Deste xeito, Domínguez, que estivo no acto de presentación da mostra acompañado da directora do Museo, Ángeles Tilve, da propia artista, e do comisario da exposición, Iñaki Martínez Antelo, convidou a Alonso a participar na vindeira bienal de arte que acollerá no 2025 o Museo de Pontevedra.

“Infiltracións”, o ciclo que ve a luz por vez primeira da man de Mónica Alonso e “A pel do Museo”, ten previsto convidar cada ano a dous artistas, para que presenten as súas obras en diálogo coa colección permanente do Museo de Pontevedra. O obxectivo é fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e achegarse a distintos públicos. Así, cada artista convidado creará obras específicas coas que se irán incorporando progresivamente os discursos contemporáneos ao Museo, sempre en relación con obras da colección, ofrecendo novas lecturas sobre os fondos.

“A pel do museo” trátase da primeira relectura das obras do Museo coa que Mónica Alonso trata de catalogar unha selección de peles de obras de personaxes representadas no museo, extraendo deses cadros ou esculturas as cores da pel, revelándoas ante o espectador. Alonso obtivo a fórmula precisa de cada tonalidade de pel e a mestura de pigmentos necesaria para replicala. Esa mestura sitúase diante de cada unha das obras intervidas e as persoas que visiten a mostra disporán dun folleto coa información da composición de cada cor, de xeito que podería replicala sempre que queira. En palabras da propia artista, esta exposición “é a ficción dunha muller fascinada coas cores da pel que decide obtelas nas obras de arte. Con este fin, contrata un copista que debe conseguir a fórmula das cores pel de distintas obras artísticas. O copista, cal alquimista, mediante a observación, destilará cada unha das pingas de cor que contén a fórmula da cor da pel elixida. O espectador pode ver peles de cor branca, negra, azteca, de muller, home, nena, anxo, meiga, alabastro, granito, madeira, xeso...”

O percorrido a través da selección de quince obras expostas actualmente no Museo de Pontevedra e seleccionadas pola artista abrangue as tres plantas do Edificio Castelao para revelar as calidades das cores e matices descoñecidos. A escolma abrangue distintas tipoloxías de pel e de materiais utilizados en cadros e esculturas, que van desde pezas barrocas ata unha escultura de Leiro, pasando por obras de Maruja Mallo, Sotomayor, Arturo Souto, Manuel Torres, Julia Minguillón, Xosé Eiroa ou Castelao, entre outros.

Con esta selección, a artista xa está a facer unha lectura persoal sobre a colección do museo, que obras e artistas están expostas, que xéneros aparecen máis nas salas, como chegaron esas obras ao museo, como foron representadas as razas nas distintas épocas e moitas outras cuestións que se abordan neste proxecto e que continuarán cos seguintes artistas que participen no ciclo ‘Infiltracións’. A próxima intervención será a do colombiano Alberto Baraya, prevista para o outono.

Mónica Alonso

Mónica Alonso leva décadas traballando sobre as cores, investigando as súas capacidades e tamén a súa influencia nos nosos estados de ánimo. Doutorada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, realizou proxectos expositivos para centros como o CGGAC, o Museo Provincial de Lugo, o Centro Torrente Ballester de Ferrol e o Museo de Arte Contemporáneo de Valdivia, en Chile. En 2008 recibiu a Beca CAM de Arte Contemporáneo co proxecto ‘Do frío ao calor, do calor ao frío, pasando polo temperado’, co que viaxa a lugares como Oslo, São Paulo, Patagonia, Nord Kapp e o Sahara.

A súa multidisciplinariedade levouna a realizar varios proxectos de colaboración ao longo dos anos. Do seu interese pola arquitectura e a psicoloxía xurdiu o deseño de terapias espaciais, como a que aplicou no CHUS de Santiago de Compostela, na área de pediatría, entre 2008 e 2010. En 2012 deu comezo a un dos seus proxectos máis ambiciosos: Percepción espacial e cromática do ser humano en diferentes culturas, co que fixo aplicacións na cultura árabe, mexicana e galega. Logo estendeu a investigación a diferentes grupos sociais: mulleres árabes, xitana e galegas e grupos como vítimas de violencia e pacientes de cancro xinecolóxico.

Realizou residencias artísticas en Rio de Janeiro, El Cairo e México. En 2015 recibiu a Bolsa de Excelencia do Goberno Mexicano, da que xurdiu o proxecto ‘A maxia do colibrí. 6 casos desesperados’, que expuxo no Museo MARCO, Vigo, en 2020. En 2022 foi nomeada académica de número da Academia Galega de Belas Artes.

Galerias de imaxes