Luis López sinala a alta participación na quinta Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros como a mostra de que o rural ten “pasado, presente e moito futuro”

O presidente provincial inaugura na Finca Mouriscade unha formación de cinco xornadas para mozas e mozos na que aprenderán a dirixir unha explotación gandeira, unha iniciativa que busca asegurar o relevo xeracional dun sector clave na comarca do Deza

19/08/2024

Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu a benvida aos participantes da quinta edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros que comezou este luns na Finca de Mouriscade, un centro de referencia a nivel nacional na gandería de titularidade da Deputación, e na que toman parte preto de trinta mozas e mozos de toda a provincia. “A gandería é algo que levo dentro. Hoxe teño a mesma ilusión que estes mozos e mozas porque eu débolle todo a gandería”, recoñeceu o mandatario provincial no acto de apertura dunha nova edición desta escola que volve ser un éxito de inscrición.

A boa acollida que está a ter esta iniciativa, promovida pola Federación de Frisona de Galicia e o Club de novos gandeiros en colaboración co organismo provincial, demostra que o rural da provincia ten pasado, presente e futuro. “Pasado, porque a gandería moldea a nosa cultura, as nosas tradicións e unha forma de vida marcada polo respecto pola natureza. Presente, porque a agricultura e gandería segue a ser un dos nosos motores económicos e de emprego máis importantes, así como a chave para fixar poboación. E futuro, porque nunha edición máis esta escola de gandeiros volve ser un éxito de participación”, subliñou o presidente López.

A quinta edición desta escola estará en funcionamento ata o vindeiro 23 de agosto. Ao longo de cinco xornadas, os cerca de trinta participantes, que teñen idades comprendidas entre os 11 e os 23 anos; experimentarán en primeira persoa o traballo diario que hai que facer nunha explotación gandeira nun ambiente de traballo agradable, rodeados de amigos e guiados polos profesionais da Finca mouriscade. Un labor que non collerá por sorpresa a moitos dos participantes, pois moitos deles forman parte de familias relacionadas co sector e que ven nesta iniciativa unha oportunidade para mellorar os seus coñecementos e asegurar o relevo xeracional. “Desexo que aproveitedes esta escola, estades nas mellores mans”, díxolle o presidente aos aprendices.

Despois de poñer en valor a función que realizan os traballadores da Finca Mouriscade, que é sinónimo de excelencia na cría de vaca frisona e en investigación xenética; o titular do goberno provincial amosou a súa satisfacción polo labor dos profesionais deste centro, así como o agradecemento coas entidades que fan posible a celebración desta escola para seguir apostando por un sector fundamental na economía e o emprego de comarcas como a do Deza. “Estamos orgullosos de participar e de colaborar nesta formación. Para min é unha honra estar aquí, porque falarme de gandería é falarme do meu”, concluíu Luis López.

Galerias de imaxes