Luisa Sánchez anuncia que a Deputación asumirá o 80% do custe do proxecto do Macroparque de Xogos en Finca Matías cun investimento de preto de 2,6 millóns de euros

A vicepresidenta provincial achegouse á zona para explicar á veciñanza esta intervención que forma parte das actuacións que a institución impulsa en colaboración co Concello de Vigo e abarca dúas áreas ben diferenciadas do barrio da Inmaculada, entre Travesía de Vigo e Toxal, e esta última e Aragón

27/11/2024

luisa Sánchez na Finca Matías

A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, vén de anunciar este martes que a Deputación de Pontevedra asumirá un 80% do custe do proxecto do Macroparque de Xogos en Finca Matías cun investimento de 2.580.000 euros, correspondendo ao Concello de Vigo os 668.743,98 euros restantes. Sánchez achegouse á zona para explicar á veciñanza esta intervención que forma parte das actuacións que ambas as dúas administracións impulsan en colaboración, e da mostra do compromiso da institución provincial na planificación urbana da cidade e a execución de proxectos de interese xeral ou infraestruturas públicas.

Neste sentido, a vicepresidenta provincial aclarou que este é o segundo dos convenios, xunto a reconstrución do muro de contención e o noiro no campo municipal de fútbol do Sárdoma-Moledo -contará con 650.000€ de fondos provinciais-, que se firmarán con cargo á reserva orzamentaria do 2024, de 5 millóns de euros en investimentos provinciais para Vigo.

A intervención, segundo figura na memoria técnica, abarca dúas áreas ben diferenciadas nun barrio de alta densidade de poboación como o é A Inmaculada, localizado entre dúas vías de acceso a cidade cun importante volume de tráfico rodado. A primeira delas entre Travesía de Vigo e Toxal (parque Infantil do Toxal) e, a segunda, entre esta última e a rúa Aragón (Parque Finca Matías).

Entre aos traballos a levar a cabo, recóllese a creación dun macroparque cun área de xogos infantís inclusivos e non inclusivos e un área de xogos interactivos, ambas separadas pola rúa Toxal; a adecuación dos accesos rodados e peonís e a incorporación de zonas de estar con novo mobiliario; e o acondicionamento dos muros e peches perimetrais e da área verde axardinada, con pantallas vexetais e a renovación do céspede existente. Asemade, levarase a cabo a instalación de equipamento urbano funcional destinado a mellora do confort dos usuarios e a súa calidade de vida, en concordancia co uso recreativo, incluíndo mobiliario accesible en cumprimento da normativa da supresión de barreiras. Toda esta actuación completarase coa renovación de subministracións, tanto do alumeado como da rede de saneamento e abastecemento. O prazo de execución dos traballos é de 8 meses a contar tras o inicio da obra.

Tal e como indicou a vicepresidenta, esta actuación súmase a outros proxectos xa comprometidos na cidade de Vigo, entre os que se atopan os 6,2 millóns correspondentes aos tres convenios firmados recentemente entre a Deputación e o Concello ­-as ramplas mecánicas na rúa Pintor Colmeiro, a mellora da accesibilidade en Juan Ramón Jiménez e a humanización da rúa San Roque-, os 13 millóns de euros da grada de Gol de Balaídos ou os 4,6 millóns destinados a compra do Teatro Cine Fraga. En suma, 30 millóns de euros, o investimento máis alto da institución provincial na cidade.

Galerias de imaxes