A Deputación avanza que este venres aprobará unha axuda de preto de 200.000 euros para o proxecto de mellora do pavillón do Rosal, en Moaña
A deputada provincial María Ramallo visitou hoxe xunto coa alcaldesa, Leticia Santos, as instalacións do pavillón no que se van investir recursos provinciais do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local
13/03/2025
A deputada provincial María Ramallo visitou xunto coa alcaldesa, Leticia Santos, o pavillón do Rosal, en Moaña, onde anunciou que a Deputación aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de preto de 200.000 euros para a mellora destas instalacións deportivas. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que está dotado con oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición), un programa co que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, ao abeiro deste plan, Moaña recibirá este ano un 70% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de 116.000 € para a construción do skatepark do Casal, unha obra que comezou o pasado mes de febreiro.
Ramallo deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos (concretamente 196.556 €), que permitirán reparar e impulsar actuacións para mellorar as condicións e prestacións do pavillón, que precisan na actualidade dunha serie de reparacións. En concreto, na zona de vestiarios vanse renovar todas as carpinterías interiores e eliminar catro das unidades existentes na actualidade e instalar un novo sistema de armarios e bancos con perchas e espazo para zapatos. Ademais, procederase á instalación de novas luminarias led sobre a pista de xogo e dun sistema de ventilación mecánica, así como un novo xogo de porterías, un sistema motorizado nas canastras xa existentes, nova impermeabilización e cuberta protectora de grava, substituirase a zona exterior axardinada por pavimento de formigón, e realizaranse outras actuacións como hidrolimpeza da fachada sur, a retirada de panelado de madeira, a execución dun murete, o lixado e limpeza do pavimento deportivo e das varandas existentes ou o pintado de diferentes zonas.
“Estamos co deporte e estamos cos concellos, e esta actuación é unha boa mostra diso”, sinalou María Ramallo, que lembrou que “a dotación e mantemento das instalacións deportivas son moi custosos e por iso estamos facendo un esforzo excepcional nesta materia con programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas”. A deputada aproveitou a ocasión para lembrar que o deporte é un dos eixos prioritarios do goberno da Deputación, de xeito que “este ano temos máis recursos que nunca para o deporte. Temos un modelo claro para o territorio que se basea en converter Pontevedra na provincia deporte e no grande estadio deportivo do mundo”.