A Deputación consegue o primeiro certificado S de Sostibilidade Turística para unha oficina turística de Galicia

A Marca Sostibilidade Turística, promovida polo Instituto para a Calidade Turística Española, certifica o traballo da oficina do Palacete das Mendoza na súa contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

21/11/2024

Primeiro certificado S de Sostibilidade Turística para unha oficina turística de Galicia

A Deputación de Pontevedra acaba de conseguir o certificado S da Marca Sostibilidade Turística para o Palacete das Mendoza, sede central de Turismo Rías Baixas, converténdose así na primeira oficina de turismo de Galicia en acadar este distintivo. A Marca Sostibilidade Turística está promovida polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) co obxectivo de axudar os establecementos, empresas e destinos de España a integrar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible promovidos polos preto de 200 países que forman parte das Nacións Unidas.

O certificado, que se instalou este xoves nas instalacións provinciais, supón un aval ao traballo desenvolvido pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas para adaptar os criterios da norma UNE 0083:2024, que regula a contribución das organizacións turísticas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Esta especificación supón que, por primeira vez, exista un estándar estatal que fixa os criterios, requisitos e recomendacións para o sector á vez que certifica as súas contribucións nesta materia.

O certificado S da Marca Sostibilidade Turística do ICTE avala o compromiso da Deputación coa sostibilidade e o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e, concretamente, co fomento dun turismo máis responsable e sostible que se basea tanto na protección medioambiental e patrimonial como no desenvolvemento socioeconómico local. A oficina central de Turismo Rías Baixas suma este recoñecemento á marca de garantía Q Calidade Turística, outorgada tamén polo ICTE, que certifica a calidade da súa xestión, os seus servizos e as súas infraestruturas.