O vicepresidente Rafa Domínguez participa na presentación do estudo sobre cruceiros de Pontevedra de Carlos Valle
15/11/2024
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, participou hoxe no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra na presentación de “Cruceiros de Pontevedra. O centro histórico da cidade e a súa periferia”, un estudo realizado por Carlos Valle, antigo director do Museo, que será publicado exclusivamente polo Diario de Pontevedra durante oito entregas ata final de ano. O vicepresidente provincial agradeceu o traballo de Valle, froito de anos de investigación, por poñer en valor “un dos monumentos máis sobranceiros do noso patrimonio cultural, que forman parte ademais da identidade cultural que nos caracteriza como pobo”.
Segundo informou Domínguez, este traballo conta co apoio da Deputación porque “as administracións públicas temos o deber e o compromiso de traballar a prol de protexer e divulgar o noso extenso patrimonio artístico e cultural”. Neste eido, o vicepresidente subliñou que en “Pontevedra temos bos exemplos deste patrimonio, que merece a pena descubrir e, sobre todo, facelo da man dun traballo tan exhaustivo como o de Carlos Valle”.