Luisa Sánchez participa no Mosteiro de Poio na presentación da última etapa da Triple Corona Illas Atlánticas 2022-2024

03/09/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, xunto co deputado provincial Marcos Guisasola, asistiu este martes no Mosteiro de San Xoán de Poio a unha nova presentación da terceira e última proba da Triple Corona Illas Atlánticas, que se celebrará este sábado 7 de setembro entre a Illa de Ons, Sanxenxo e Combarro coa participación de máis de 140 nadadores e o apoio da institución provincial. A vicepresidenta asegurou que “podemos presumir dunha provincia na que é posible albergar probas de primeiro nivel como esta, que é moi dura e esixente, pero sabemos que os participantes darano todo de si mesmos para poñernos en moi bo lugar”.

Luisa Sánchez puxo en valor a “gran repercusión” que acadan os grandes eventos deportivos, que son “un revulsivo para o desenvolvemento económico” da provincia de Pontevedra. Unha razón pola cal, lembrou, “desde a Deputación estamos traballando, porque somos conscientes do efecto arrastre que xera para o turismo a súa celebración, coa misión de converternos no grande estadio deportivo do mundo e garantir un desenvolvemento equilibrado que aproveite os puntos fortes de cada paisaxe que integra a provincia”.