A vicepresidenta Luisa Sánchez remarca “o valor da provincia como escenario de grandes eventos deportivos” na presentación da Optimist Excellence Cup
22/10/2024
A vicepresidenta e deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe no Real Club Náutico de Vigo na presentación do Meeting Internacional de Optimist Excellence Cup 2024-2025, que arranca en Vigo o vindeiro 31 de outubro. Na súa intervención, Sánchez destacou a transcendencia desta proba deportiva, que se enmarca dentro das actividades da Semana do Atlántico Cidade de Vigo, para a que a Deputación aprobou unha achega de 10.000 € ao abeiro da liña de axudas a clubs deportivos para a organización de competicións e eventos deportivos na provincia.
“Vigo –asegurou a vicepresidenta- convértese neste mes de outubro na capital da vela lixeira. E desde o Náutico sempre demostrades que, cando se trata de promover grandes citas de vela, esta provincia está por enriba do nivel esixido”. Por iso, a responsable provincial de deportes amosou o compromiso da Deputación con este tipo de probas, “que nos referencian a nivel internacional e converten a esta provincia no grande estadio deportivo do mundo”. “Eventos deportivos como este son unha grande oportunidade para poñer a provincia no mapa e producen un importante impacto na economía da provincia”, afirmou Sánchez.