A Deputación ultima o prazo para que as asociacións veciñais e as comunidade de augas soliciten achegas ao abeiro dos programas de Acción Comunitaria, dotados con 2,4 millóns de euros

O Plan Provincia Comunitaria, +Aqua e o novo +Novaqua, que revalidan a aposta do organismo provincial polo tecido asociativo da provincia, teñen ata o 17 de marzo aberto o prazo de solicitude

10/03/2025

A Deputación mantén aberto o prazo ata o vindeiro 17 de marzo para que as asociacións veciñais e as comunidade de augas da provincia poidan optar aos programas de Acción Comunitaria, dotados cun total de 2,4 millóns de euros  e cos que revalida a súa aposta pola recuperación da colaboración co tecido asociativo de Pontevedra.

En concreto, trátase do Plan Provincia Comunitaria, que conta cun orzamento de 1,15 millóns de euros, 150.000 máis que o orzamento inicial en 2024. A través deste plan as asociacións veciñais poderán recibir entre 6.000 e 10.000 € para executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais, infraestruturas nas que desenvolven as súas actividades ou espazos que se vaian destinar ao cumprimento dos seus fins. Ademais, tamén poderán adquirir novos equipamentos, mobiliario ou dispositivos informáticos, acústicos e audiovisuais.

Tamén se poden solicitar as achegas da segunda edición de +Aqua, dotado tamén neste 2025 de 1,15 millóns de euros e 150.000 euros máis que en 2024. Neste caso, as comunidades de auga poden recibir axudas de 6.000 a 10.000 euros para mellorar, reformar ou reparar as infraestruturas e instalacións de auga comunitarias, realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética das instalacións que impliquen unha mellora da auga, mellorar os sistemas de tratamento e impulsar a calidade da auga, para legalizar novas concesións ou renovar as existentes, e tamén proxectos co fin de mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.

Por último, +Novaqua, a liña de apoio ao tecido asociativo provincial da área de Acción Comunitaria impulsada por vez primeira neste 2025. Trátase dunha iniciativa dotada de 150.000 euros para mellorar a calidade de vida local e satisfacer as necesidades básicas da poboación a través do financiamento dos custos de legalización das traídas de augas. As comunidades recibirán achegas de entre 2.000 e 6.000 euros que poderán empregar para a redacción do proxecto, realización de analíticas, traballos de topografía e gastos burocráticos.

A suma dos tres plans supón o maior orzamento para o tecido asociativo da provincia, cun aumento do 20% respecto aos recursos respecto ao ano pasado. Ademais, suporán chegar a un maior número de beneficiarios potenciais, con tres iniciativas que teñen apostado pola mellora burocrática a través de maiores facilidades de xestión e a simplificación e optimización dos formularios e as peticións de documentación. Por outra banda, os tres programas van acompañados dunha liña de apoio, con ata 600 euros por beneficiario, para financiar gastos de xestión e taxas.