A Deputación abre ata o luns 11 de marzo o prazo de inscrición para a poxa de animais da gandería de Mouriscade
A inscrición está aberta a persoas físicas ou xurídicas inscritas no Rexistro de Explotación Gandeira e debe formalizarse a través da Sede electrónica da Deputación. A poxa terá lugar o martes 2 de abril, ás 11:00 horas, na Finca Mouriscade
04/03/2024
A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o vindeiro luns 11 de marzo o prazo de inscrición para a poxa de animais da gandería de Mouriscade. As persoas físicas ou xurídicas inscritas no Rexistro de Explotación Gandeira interesadas deben formalizar a inscrición a través da Sede electrónica da institución provincial. En total ofértanse 19 vacas de raza frisoa cun prezo de saída de 1.750 euros polas que se poderá poxar nas instalacións da finca en Lalín o martes, 2 de abril, ás 11:00 horas.
Para poder participar na poxa é preciso presentar o modelo de inscrición previa cunha declaración responsable asinada conforme as persoas que poxan están inscritas no Rexistro de Explotación Gandeira, entre outra documentación. As ofertas económicas non poderán ser, en ningún caso, inferiores ao importe sinalado como prezo de saída no catálogo, 1.750 €. A partir dese importe, o incremento na poxa deberá facerse de viva voz, alzando o cartel co número de identificación da persoa licitadora e en tramos de 50 euros. O proceso rematará no momento en que deixen de presentarse novas ofertas, cando quede como persoa licitadora aquela que realizase a poxa máis elevada (en caso de empate acudirase ao sorteo).
A quinta mellor granxa de España en calidade xenética dos seus animais
A granxa da Finca Mouriscade é a quinta mellor explotación gandeira de toda España. En menos de tres anos a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 ao 5 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais. Esta clasificación apuntala o centro como unha referencia no sector agrogandeiro no ámbito nacional e sitúao soamente por detrás de dúas ganderías barcelonesas (primeira e cuarta), unha coruñesa (terceira) e a lalinense G. B. Gandería (segunda).
Esta clasificación confirma que as tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións e o traballo realizado polo persoal do laboratorio están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética da gandería e, como consecuencia, á mellora da eficiencia produtiva das ganderías da provincia. De feito, nestes momentos Mouriscade conta con varias reses entre as mellor puntuadas do Estado.