A Deputación mantén aberta ata este domingo a exposición “Espazos liminais na miña memoria” de Ana Cancela

A mostra pódese seguir visitando na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas desde fai dúas décadas na cidade de Pontevedra

17/09/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberta ata este domingo 22 de setembro a exposición “Espazos liminais na miña memoria”, de Ana Cancela, na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, emblemático edificio da cidade de Pontevedra que fixo no pasado mes de xullo vinte anos como sede de Turismo Rías Baixas. Na mostra a artista traballa na busca de novas formas de expresión coa idea de atopar un espazo fronteirizo entre a abstracción e a figuración, buscando ademais unha connotación no universo galego, os seus códigos visuais, o seu mundo simbólico e o seu patrimonio cultural.

“Espazos liminais na miña memoria” rompe fronteiras entre eses dous conceptos opostos para idear un mundo estraño, con imaxes atrapadas noutra dimensión. Os espazos liminais, ambiguos, son espazos de transición entre ambos, movéndose entre imaxes e símbolos procedentes de diferentes linguaxes plásticas e espazos temporais a través dunha poética da relación. Esta fusión é tamén un reflexo da traxectoria da artista, pasando por diferentes etapas de creación desde o costumismo e o rural galego ata a abstracción, coa memoria, a lembranza ou a aprendizaxe da pintura como temas habituais.

A exposición pode visitarse no horario da sala de exposicións do Palacete, de luns a venres en horario continuo de 9:00 a 21:00 horas, e o sábado e o domingo en horario partido, entre as 10:00 e as 14:30 e entre as 16:30 e as 20:00 horas.